O CIQUS na portada da revista Science

O Centro de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CIQUS) un dos centros singulares de Campus Vida, da Universidade de Santiago de Compostela colaborou con IBM na visualización de moléculas con resolución atómica.

Este traballo obtivo o seu primeiro recoñecemento ao ser publicado na revista Science, e a súa relevancia radica en que poderían resultar de excepcional importancia para o estudo dos dispositivos fabricados con grafeno e as súas aplicacións en ámbitos como as comunicacións sen fíos de banda ancha ou as pantallas electrónicas.

O grupo de Catálise Organometálica e Materiais Moleculares colaborou na investigación con equipos de IBM-Zürich e do CNRS-Toulouse en estudos de visualización de moléculas con resolucións da orde de 1 picometro (a millonésima parte dun micron, diferenciando por primeira vez, os enlaces químicos existentes en moléculas individuais empregando un microscopio de forza atómica (AFM) cunha sonda modificada.

No traballo do que son coautores Diego Peña, Alejandro Criado e Enrique Guitián, móstrase como este tipo de AFM permite estudar con gran precisión os diferentes enlaces dentro de moléculas individuais de determinados hidrocarburos policíclicos aromáticos (PAHs) e nanografenos absorbidos sobre diferentes superficies. Os enlaces individuais entre átomos evidencian pequenas diferenzas en función da estrutura global da molécula, e teñen un grande impacto nas súas propiedades optoelectrónicas e químicas.Facebooktwitterlinkedinmail

Comments are closed.