Unha idea de negocio desenvolvida no CiMUS recibe o premio da revista ‘Emprendedores’

A plataforma de Servizos de Farmacoxenética GenDR gaña o ‘Premio á Mellor Idea Empresarial’, o terceiro recoñecemento que obtén en menos dun ano.


O proxecto GenDR (Genetics and Drug Response), unha plataforma de Servizos de Farmacoxenética promovida no CiMUS polo grupo de Medicina Xenómica da Universidade de Santiago de Compostela (USC), foi recoñecida cun dos premios que desde 2005 concede anualmente a revista Emprendedores. A iniciativa impulsada polos investigadores Ana Latorre, Olalla Maroñas, Adrián Caamaño e Juan Vázquez foi galardoada na categoría Mellor Idea Empresarial, que concede tanto unha axuda en metálico como asesoramento e apoio para que o proxecto poida facerse realidade.

A idea xurdiu hai aproximadamente un ano, e desde entón os seus promotores teimaron nela para darlle forma, incluíndo o proxecto en distintos programas de emprendemento; así, na II Edición do Programa Argos da USC, Gen-DR gañou na categoría Argos Spin, que recoñece os mellores programas de empresa desenvolvidos a partir dalgún resultado de investigación da universidade. Recentemente, a iniciativa volveu ser recoñecida durante o Spin2016, o maior encontro de emprendemento iberoamericano, co Premio Model2Market Universia, un dos cinco concedidos nesta categoría entre máis de 460 candidaturas de 12 países.

Os investigadores, que aínda non concluiron o proceso de constitución da empresa, agardan que este recoñecemento sirva de estímulo para validar a idea, confiando en que supoña o impulso definitivo ao proxecto.

analatorrepremio

Ana Latorre, unha das promotoras do proxecto, recolle o premio ‘Mellor Idea Empresarial 2016’ (Foto: Revista Emprendedores).

Medicina personalizada: avanzando a resposta perante os fármacos

O campo de acción de GenDR é a farmacoxenética, «unha ferramenta de medicina personalizada, que trata de facer tratamentos únicos para cada paciente», segundo explica Adrián Caamaño. «En función do seu perfil xenético, cada individuo ten unhas características particulares que establecen cómo vai respostar a un fármaco, cómo o vai metabolizar». A partir desta información, establécense entón certas ‘recomendacións’ que, en definitiva, «son as que guían e posibilitan facer un tratamento personalizado e axustar a dose», afirma Caamaño.

Recoñecemento á iniciativa empresarial

Desde 1997, a revista Emprendedores apoia e impulsa a creación de novas empresas, achegando en cada número mensual contidos prácticos e actuais. A iniciativa Premios Emprendedores, en vigor dende 2005, pretende reforzar este labor co recoñecemento aos proxectos, empresas e directivos que máis destacaron.

Facebooktwitterlinkedinmail

Here's your chance to leave a comment!