Un investigador do CiTIUS gaña o ‘Best PhD Award’

A Sociedade Europea para a Lóxica e as Tecnoloxías Difusas (EUSFLAT) concede a Alejandro Ramos o premio que recoñece anualmente o traballo de doutoramento máis sobresaínte en Europa.


Co obxectivo de «recoñecer a excelencia investigadora nunha Europa entendida no seu sentido máis amplo», a Asemblea Xeral da EUSFLAT (European Society for Fuzzy Logic and Tecnology) aprobaba en xullo de 2011 a creación do Premio á Mellor Tese de Doutoramento (Best PhD Thesis Award). Desde entón, só 5 novos doutores recibiron este recoñecemento, entregado cada dous anos ao longo do congreso bienal da Sociedade.

O investigador posdoutoral do CiTIUS Alejandro Ramos Soto sumou o seu nome á lista oficial de galardoados ao recoller a pasada semana o Best PhD Thesis Award 2016 durante a cerimonia de entrega de premios do 10º Congreso EUSFLAT 2017, celebrada en Varsovia o pasado 13 de setembro ao longo da cea de gala do congreso, que tivo lugar na capital polaca.

No seu discurso durante a entrega, a presidenta do EUSFLAT, Gabriella Pasi, quixo agradecer as valiosas contribucións do traballo de Alejandro Ramos, cuxa achega máis singular consistiu na aplicación de distintas técnicas de lóxica borrosa ao campo da Xeración de Linguaxe Natural (NLG, polas súas siglas en inglés). Unha aproximación innovadora traducida nun novo paradigma de Intelixencia artificial, para o que contou coa colaboración dos máis reputados expertos a nivel internacional, como os investigadores Ehud Reiter, Albert Gatt ou Kees van Deemter.

Facebooktwittergoogle_pluslinkedinmail

Here's your chance to leave a comment!