«Situm», creada por investigadores do CiTIUS, presentará a súa tecnoloxía en Silicon Valley

«Situm Technologies», a empresa de localización en interiores creada por investigadores do CiTIUS, foi seleccionada como a mellor idea do centro YUZZ de Santiago de Compostela, un proxecto de apoio a novas empresas de base tecnolóxica no que os seus fundadores traballan dende hai seis meses. O premio consiste nunha praza para viaxar a Silicon Valley (California, EUA), considerado como o centro da innovación mundial, do 7 ao 12 de decembro, xunto a outros 23 gañadores dos distintos centros YUZZ repartidos por España. O programa, dirixido polo Centro Internacional Santander Emprendimiento (CISE), conta co patrocinio do Banco Santander, a través da súa División Global Santander Universidades, e a colaboración da Xunta de Galicia.

Durante a súa estadía en Silicon Valley, os premiados visitarán o Spain Tech Center (STC), unha iniciativa creada para facilitar a implantación das PEME de base tecnolóxica españolas e acelerar o seu proceso de internacionalización. Ao seu regreso, os galardoados presentarán as súas ideas ante un xurado composto por membros do Banco Santader, CISE e entidades colaboradoras do Programa YUZZ, dos cales se elixirán os tres proxectos finalistas que recibirán unha dotación económica de 30.000, 20.000 e 10.000 euros, respectivamente, para seguir financiando as súas empresas.

Tecnoloxía punta Yuzz_2(rsized)

Situm é unha empresa dedicada ao deseño e desenvolvemento de sistemas de localización e navegación en interiores pensados para teléfonos móbiles intelixentes (smartphones). A partir desta tecnoloxía, ofrece servizos geoposicionados que se basean na creación de apps para móbiles e permiten, entre outras, as seguintes funcionalidades:

  • Guiado de persoas en grandes superficies.
  • Busca de produtos e tendas en centros comerciais.
  • Promocións personalizadas para cada usuario (sobre a base da súa posición e os seus hábitos, en tempo real).
  • Estudo do comportamento de clientes en tenda (traxectorias, puntos quentes… etc.).
  • Información sobre a posición de empregados en tempo real (fábricas, hospitais…).
  • Audioguías geoposicionadas para museos.

Asentada en Santiago de Compostela, esta startup recoñecida como Iniciativa de Emprego de Base Tecnolóxica da Xunta de Galicia, foi constituída en febreiro de 2014 e posta en marcha en xullo do mesmo ano por tres investigadores (Víctor Álvarez Santos, Cristina Gamallo Solórzano e Adrián Canedo Rodríguez) membros do grupo de robótica do CiTIUS (Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información da Universidade de Santiago de Compostela). Gañadores do premio Smart-Ideas, dentro do proxecto SmartCity na Coruña, contan coa asesoría de varios investigadores sénior e forman parte de varios proxectos de emprendemento, entre os que se atopan o Open Future Galicia de Telefónica e o Programa Yuzz, do Banco Santander.

Trátase, polo tanto, dunha empresa de recente creación que combina a formación, a experiencia e a paixón dos seus integrantes polos sistemas intelixentes para configurar un servizo capaz de mellorar a calidade de vida das persoas.Facebooktwitterlinkedinmail

Comments are closed.