Sementes contra o cancro no CiQUS

Eugenio Vázquez acada un dos proxectos nacionais para o desenvolvemento de novas liñas de investigación oncolóxica financiados pola Asociación Española contra o Cancro (AECC).


Un proxecto promovido polo investigador do CiQUS Eugenio Vázquez obtivo unha das 140 axudas que concede anualmente a Asociación Española contra o Cancro (AECC). A iniciativa, enmarcada nun novo programa bautizado como Ideas Semilla, pretende impulsar estratexias innovadoras na contorna científica que poidan traducirse en novas terapias no futuro.

A entrega oficial da axuda tivo lugar o pasado venres en Madrid, ao longo dun acto encadrado no movemento mundial de impulso á investigación oncolóxica. Presidido pola Súa Maxestade a Raíña de España, (Presidenta de Honra da Asociación e da Fundación Científica AECC), o encontro canalizou a adxudicación dun total de 12 millóns de euros, repartidos entre 10 proxectos centrados en distintas fases da enfermidade. Segundo afirma a propia Asociación nun comunicado, «o obxectivo fundamental é converter aos investigadores nos principais protagonistas, dándolles a oportunidade de desenvolver ideas innovadoras que poidan abrir novas liñas de investigación para combater o cancro».

Eugenio Vázquez (dereita), xunto a Súa Maxestade a Raíña e o investigador do IMDEA Álvaro Somoza. / CiQUS

Algo máis que unha axuda económica

«Foi unha gran alegría», afirmaba o Profesor Eugenio Vázquez. «Esta axuda dános un apoio moral enorme, xa que nos permite continuar cunha liña de traballo que comezamos en 2013 e non puidemos finalizar por falta de financiamento; sen o apoio da AECC quizais quedaría aparcado indefinidamente, pero agora, esperamos poder completala».

O investigador mostrábase moi ilusionado ante os próximos meses de traballo: «sempre tentamos abordar proxectos que puidesen xerar beneficios á sociedade, aínda que normalmente moi a longo prazo. Neste caso trátase dunha investigación máis aplicada, orientada a resultados que poidan mellorar no futuro as terapias actuais», sinala.

Vázquez quixo tamén destacar o papel do centro: «a axuda da AECC non só é un alto falante moi grande para dar a coñecer o noso traballo, senón tamén o do CiQUS; unha contorna privilexiada para abordar estes desafíos na fronteira entre a química e a bioloxía», asegura.

Facebooktwittergoogle_pluslinkedinmail

Here's your chance to leave a comment!