Procuran no CiMUS novos fármacos para tratar a dor crónica

Biofarma, o grupo de investigación do CiMUS, impulsa xunto ó laboratorio Esteve unha Unidade Mixta orientada a traballar no desenvolvemento de novos fármacos para o tratamento da dor crónica. A iniciativa do grupo de Mabel Loza obtivo o apoio da Axencia Galega de Innovación, que recoñece a excelencia da proposta achegando o 30% do financiamento deste proxecto.

Cun horizonte de tres anos e un orzamento inicial de tres millóns de euros, a Unidade Mixta espera acurtar os prazos na obtención de resultados e abrir as portas á comercialización dunha nova xeración de medicamentos analxésicos, máis eficaces, seguros e que abrangan un maior espectro de tipoloxías de dor. Os promotores da Unidade agardan tamén un impacto económico e sanitario elevado, gracias á creación de emprego de alta cualificación e ó desenvolvemento de novas tecnoloxías preditivas.

A dor

SONY DSCA Organización Mundial da Saúde (OMS) estima que a dor é un dos motivos de consulta máis frecuente en atención primaria (22%), tanto en Europa como en América, Asia ou África. Ademais, a International Association on the Study of Pain (IASP) e a European Federation of the IASP Chapters (EFIC) salientan que, aínda que a dor aguda se considera un síntoma de enfermidade ou lesión, a dor crónica e recorrente constitúe especificamente unha enfermidade ou síndrome. Deste xeito, está considerada como un dos grandes problemas actuais da saúde pública, tanto pola súa prevalencia mundial como polos custes económicos, sociais ou psicolóxicos que conleva.

O traballo da nova Unidade centrarase no desenvolvemento de novos ensaios experimentais en dianas innovadoras para o tratamento da dor, así como na identificación de compostos activos nestas dianas, e na avaliación de fármacos en relación coas dianas e antidianas propostas. Ademais, os investigadores traballarán na caracterización de compostos mediante estudos funcionais en sistemas celulares, realizarán estudos de farmacocinética preliminar in vitro e in vivo, e executarán estudos de seguridade preliminar.

BioFarma e Esteve colaboran dende o ano 2004 na execución de programas de descubrimento de fármacos, participando como socios en proxectos de alcance internacional. Baixo a dirección da profesora Mabel Loza, o grupo BioFarma achega ao proxecto a súa tradición investigadora no desenvolvemento de ensaios in vitro en fases temperás do descubrimento de fármacos, aportando máis de quince anos de experiencia e un cadro de investigadores/as especializado. Pola súa banda, Esteve achegará persoal e coñecementos para ensaios in vivo, xunto co deseño e síntese de novos compostos químicos.

Emprazado no CiMUS, o grupo de Mabel Loza é considerado un referente internacional no seu ámbito, especializado en investigación aplicada ao descubrimento temperán de fármacos, en colaboración coa industria farmacéutica e biotecnolóxica. Esteve é unha empresa farmacéutica española líder no sector, cun volume de ventas de 818 millóns de euros en 2013 e unha inversión en I+D+i de 60 millóns de euros no mesmo exercicio.

RIS3

O proxecto adecúase aos obxectivos da Estratexia de Especialización Intelixente de Galicia (RIS3) que integra outras sete iniciativas impulsadas polo goberno autonómico nas que participan centros tecnolóxicos e universidades galegas asociadas con empresas multinacionais, como PSA Peugeot Citröen, Repsol, Gas Natural Fenosa e Everis Spain.

Facebooktwitterlinkedinmail

Comments are closed.