Presentan ante as principais agrupacións clínicas a Unidade Mixta contra a dor USC-Esteve

Tras case dous anos de colaboración, este proxecto traslacional promovido por investigadores do CiMUS lidera xa a investigación en dor crónica en España.


As sociedades médicas galegas máis representativas visitaron onte o CiMUS para coñecer de primeira man a Unidade Mixta de I+D integrada polo laboratorio farmacéutico Esteve e o grupo de investigación do centro Biofarma. Así, membros de distintas agrupacións clínicas de reumatoloxía, rehabilitación e medicina física, traumatoloxía, anestesioloxía ou medicina de atención primaria foron convidados a coñecer en detalle o funcionamento da unidade ao longo dunha presentación que incluíu distintos aspectos, como a tecnoloxía de última xeración dispoñible, os tipos de ensaios clínicos, as distintas áreas de traballo ou os recursos humanos cos que conta na actualidade.

A visita, na que participaron ao redor de trinta persoas en nome de distintas asociacións relacionadas coa dor, forma parte da estratexia desenvolvida pola unidade, na que figura como obxectivo prioritario achegar o valor científico desta sociedade investigadora ao mundo da clínica.

Un balance prometedor

A alianza Esteve-BioFarma, presentada publicamente no CiMUS en marzo de 2015, supuxo un salto cualitativo na relación entre dúas institucións que levaban colaborando máis de dez anos. Un traballo en común que, como explicou Mabel Loza, directora do grupo de investigación «pretende optimizar o coñecemento de ámbalas dúas partes para desenvolver conxuntamente estudos e ensaios clínicos na área da dor».

«Tras case dous anos de funcionamento facemos un balance moi positivo, porque conseguimos liderar en España a investigación neste campo, desenvolvendo novas metodoloxías que nos permitiron analizar máis de 3.500 compostos orixinais nun amplo panel de dianas terapéuticas implicadas na dor». A catedrática da USC quixo destacar tamén que a Unidade permitiu igualmente crear emprego de alta cualificación en Galicia, xerando ata a data once postos de traballo ao longo dos últimos meses.

alt=”foto_1″ width=”540″ height=”304″ />

A unión fai a forza

O funcionamento da Unidade Mixta -un programa público innovador onde a universidade, a industria, o goberno galego e a excelencia van da man-, baséase na actividade complementaria na área de descubrimento temperán de fármacos: a USC achega desde o CiMUS o coñecemento en investigación farmacolóxica aplicada ao desenvolvemento de novos ensaios in vitro, contribuíndo coa obtención do reactivo biolóxico para estes ensaios e os estudos de caracterización farmacolóxica dos novos compostos; pola súa banda, a compañía Esteve engade valor ao proxecto coa súa experiencia na terapéutica da dor, os ensaios in vivo en animais de experimentación, a farmacoloxía en condicións regulatorias e o deseño e síntese de novos compostos.

«Con este pioneiro modelo de cooperación empresa-ciencia axuntamos talento, recursos, instalacións, infraestruturas e tecnoloxías, cunha capacidade dificilmente alcanzable en solitario», destacan os seus integrantes. Desta forma, a misión fundamental da unidade é optimizar os procesos de I+D, acurtando prazos para a obtención de resultados e reducindo custos.

Patoloxías de primeira orde

Segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS), a dor persistente é un dos motivos de consulta máis frecuentes en atención primaria en Europa, América, Asia e África, afectando ao 22% da poboación, ou o que é o mesmo: un de cada cinco adultos sofre dor persistente; trátase dunha patoloxía que padecerá a maior parte da poboación mundial nalgún momento da súa vida. «Hai tres grandes grupos de condicións como principais causas: a osteoartritis e a artrite reumatoide, as cirurxías e lesións e os problemas medulares, pero outras inclúen hemicrania, neuropatía diabética, trastornos neurológicos ou infartos. Estamos a falar dun problema de saúde pública de primeira magnitude a nivel global, tanto pola súa prevalencia como polos custos económicos, sociais e psicolóxicos que leva”, asegura a Dra. Mabel Loza.

Ampla traxectoria en transferencia de coñecemento

O grupo de investigación BioFarma, coordinado pola Dra. Mabel Loza no CiMUS, ten unha ampla traxectoria na transferencia do coñecemento. Especializado en investigación e innovación aberta aplicada ao descubrimento temperán de fármacos en colaboración coa industria farmacéutica e biotecnológica, está considerado un referente neste ámbito a nivel internacional.

Polo que respecta a ESTEVE, trátase dun grupo químico-farmacéutico líder en España, cunha importante presenza internacional. Fundada en 1929 e presidida por Joan Esteve, a empresa emprega actualmente a 2.279 persoas e acumula unhas volume de vendas ao redor dos 870 millóns de euros (2015), estendendo a súa presenza en Europa, EE.UU, México e China.

Facebooktwitterlinkedinmail

Here's your chance to leave a comment!