Premio ‘Novos Líderes de Grupos de Investigación’ da RSEQ para Javier Montenegro

O investigador do CiQUS recibe o galardón do Grupo Especializado de Química Biolóxica da Real Sociedade Española de Química polas súas investigacións punteiras no estudo do transporte a través de membranas biolóxicas usando química supramolecular, converténdoo nun referente entre a comunidade química internacional a pesar da súa curta traxectoria científica.

O Grupo Especializado de Química Biolóxica da Real Sociedade Española de Química (GEQB-RSEQ) vén de outorgar ao investigador ‘ERC Starting Grant’ do CiQUS Javier Montenegro o premio nacional ‘Novos líderes de grupos de investigación’ por «converterse en moi poucos anos nun referente nacional e internacional polo impacto do seu traballo no transporte a través de membranas celulares con sistemas peptídicos auto-ensamblados», segundo informa nun comunicado a RSEQ.

Este galardón supón un novo recoñecemento da RSEQ á traxectoria do Dr. Montenegro, que se suma ao premio ‘Novo Investigador Sigma-Aldrich’ 2018 recibido en maio do ano pasado e que destacaba a prometedora proxección da súa carreira científica, ligada ao Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da Universidade de Santiago de Compostela dende 2012, cando se incorporou ao grupo do Prof. Juan Granja cun contrato Juan de la Cierva. En 2015 convértese en investigador do programa Ramón y Cajal e pon en marcha o seu propio laboratorio, seguindo a liña de investigación que iniciou en 2009 durante unha estadía postdoutoral na Universidade de Xenebra.

Dende a posta en marcha do seu laboratorio, o Dr. Montenegro destacou pola súa extraordinaria capacidade para obter financiamento, captando nos últimos cinco anos máis de tres millóns de euros a través de convocatorias autonómicas, estatais e internacionais, entre as que se inclúen a axuda conseguida en 2017 do Human Frontiers Science Program. Recentemente, recibiu unha das prestixiosas axudas ‘Proof of Concept’ do Consello Europeo de Investigación (ERC) para a transferencia e aplicación dos resultados do seu proxecto en curso tras ser premiado en 2015 cunha ‘ERC Starting Grant’. Estes proxectos permitíronlle establecer unha investigación punteira en química biolóxica e novos materiais moleculares, diversificando así os seus intereses en investigación e traballando en aspectos fundamentais dos procesos de autoensamblaxe e formación de estruturas dinámicas con aplicacións biolóxicas e terapéuticas.Facebooktwittergoogle_pluslinkedinmail

Here's your chance to leave a comment!