Premio da Fundación Dr. Antonio Esteve a un traballo desenvolvido no CiMUS

O artigo, que demostra a eficacia dun fármaco para a diabetes na redución de peso, foi escollido como a mellor publicación dun autor español en investigación farmacolóxica nos últimos tres anos.


Un traballo desenvolvido nos laboratorios do CiMUS baixo a dirección do profesor Rubén Nogueiras vén de ser distinguido co Premio de Investigación Fundación Dr. Antonio Esteve, que na súa XV Edición recoñece o mellor artigo de farmacoloxía publicado por un autor español nos últimos tres anos. O paper, que asinan tamén os investigadores do centro Daniel Beiroa e Mónica Ibernom, foi elixido entre un total de 55 candidaturas.

O estudo galardoado demostrou en roedores como a liraglutida, un medicamento utilizado no tratamento da diabetes tipo 2, activa no cerebro un mecanismo para queimar graxa e incrementar o gasto enerxético, sen que a inxesta de alimentos interveña no proceso.

Por outra banda, realizouse tamén un exhaustivo seguimento de quince pacientes con obesidade e diabetes tipo 2, ao longo do cal controláronse periodicamente distintos indicadores como o seu peso, alimentación, insulina, ou niveis de glucosa. Logo dun ano de tratamento, os pacientes mostraron un meirande gasto enerxético e lograron perder un 5% de graxa: «un importante achado con impacto real no tratamento destes pacientes, por canto a redución de graxa contribúe a mellorar o seu perfil clínico», explican os investigadores. Os resultados conduciron á conclusión de que o fármaco administrado  a estes pacientes obesos con diabetes tipo 2 dende 2009 non só regula o desaxuste de glucosa, senón que induce tamén a perda de peso sen necesidade de alterar os hábitos alimenticios ou mellorar a práctica do exercicio físico.

Daniel Beiroa, autor principal do traballo, xunto a Mónica Ibernom (esquerda) e o Profesor Rubén Nogueiras (centro)

Novo recoñecemento ao grupo do Profesor Nogueiras

O grupo de Metabolismo Molecular do CiMUS ten acadado numerosos recoñecementos ó longo dos últimos anos. O seu director, Rubén Nogueiras, foi elixido en 2016 pola Fundación AstraZeneca e o Instituto de Saúde Carlos III como mellor investigador novo na área de diabetes en España, un ano máis tarde de ser recoñecido co galardón Rising Star 2015 da Fundación Europea para o Estudo da Diabetes. Ten recibido asemade distintos premios da Sociedade Española de Endocrinoloxía e Nutrición, así como da Asociación Europea para o Estudo da Obesidade. Unha morea de distincións ás que agora se suma tamén o Premio de Investigación Fundación Dr. Antonio Esteve, que recollerá no CiMUS o vindeiro mes de xullo Daniel Beiroa, primeiro autor do artigo.

Facebooktwittergoogle_pluslinkedinmail

Here's your chance to leave a comment!