O Profesor Chris Abell, investigador e emprendedor, visitará o CIQUS, a vindeira semana

O Catedrático en Química Biolóxica da Universidade de Cambridge, o Prof. Chris Abell, visitará o CIQUS e durante a súa estanza na nosa Universidade impartirá dúas conferencias. Impartirá as conferencias tituladas, “Estratexias en química biolóxica e o descubrimento de fármacos baseadas en fragmentos” e “The reluctant entrepreneur – spinning out of Chemistry”, onde relatará a súa ampla e exitosa experiencia na creación de empresas spin-out de química.

A primeira das conferencias, terá lugar o día 29 de Outubro, ás 12 horas do mediodía, no salón de reunións do CIQUS, e no mesmo lugar, o día 30, ás 10 das mañá, pronunciará a segunda das conferencias previstas.

O Prof. Abell é recoñecido mundialmente pola utilización dunha estratexia novidosa no deseño de fármacos, na que a partir de unidades pequenas de grande afinidade descubertas por screening, se modifican axeitada e racionalmente ata lograr a súa máxima eficacia. As súas investigacións céntranse fundamentalmente no desenvolvemento de novos fármacos para o tratamento da tuberculose e doutros baseados nas interaccións entre proteínas.

Esta estratexia está a ser utilizada pola empresa Astex Therapeutics (http://astx.com/), unha das empresas spin-off de maior éxito de Cambridge (Reino Unido) da que é co-fundador (1999). Astex conta cun financiamento de máis de 60 millóns de libras e contratos con empresas farmacéuticas por enriba de 645 millóns de libras. Dende 2011, Astex cotiza no NASDAQ e conta xa con 7 compostos en fase clínica.

 

O químico Abell é tamén pioneiro no desenvolvemento dunha nova plataforma para a ciencia experimental, as microgotas, que a empresa spin-out, con base tamén en Cambridge e da que é co-fundador, Sphere Fluidics (http://www.spherefluidics.eu/), explota comercialmente dende 2010. Esta técnica permite estudar o mecanismo de resistencia das células cancerosas ao tratamento con quimioterapia, a xeración de novos encimas ou a identificación de cepas microbianas novidosas, entre outras aplicacións.

O Prof. Abell é tamén director fundador de Cambridge Enterprise (http://www.enterprise.cam.ac.uk/), empresa subsidiaria da Universidade de Cambridge creada en 2006 para xestionar a comercialización dos descubrimentos científicos da Universidade de Cambridge. Esta empresa ofrece servizos de transferencia de tecnoloxía, de consultoría e capital pre-semente e os investimentos iniciais aos membros da Universidade de Cambridge e o Instituto Babraham para axudar a comercializar a investigación innovadora a través da creación de novas empresas.Facebooktwitterlinkedinmail

Comments are closed.