O Prof. Luis Castedo, premio GEPRONAT 2012 á Excelencia na Investigación

Luis Castedo, catedrático de Química Orgánica da Facultade de Química da USC, recibiu o premio á excelencia en investigación outorgado polo Grupo Especializado de Química de Produtos Naturais (GEPRONAT) da Real Sociedade Española de Química.

O galardón recoñece a traxectoria do Prof. Castedo e a súa extraordinaria contribución ao desenvolvemento da química de produtos naturais, particularmente no campo do descubrimento, determinación estrutural e síntese alcaloides, área de investigación na que o grupo do Prof. Castedo destacou durante décadas e no que se formaron moitos dos seus discípulos e colaboradores.

Luis Castedo iniciou a súa carreira científica na prestixiosa Escola Compostelá de Produtos Naturais, levando a cabo, en primeiro lugar, estudos de illamento e elucidación estrutural de alcaloides,sustancias nitroxenadas que sintetizan as plantas a partir de aminoácidos e que na súa maioría posúen unha acción fisiolóxica intensa nos animais, sendo moi utilizados en medicina para tratar problemas da mente, calmar a dor e contra o cancro (exemplos serían a cocaína, a morfina, a quinina ou a nicotina).

Os seus estudos fitoquímicos, deron como resultado o illamento dun gran número de novos alcaloides bautizados gran parte con nomes galegos. Así xurdiron os novos alcaloides arosina, arosinina, luguina, celtina,celtisina, breoganina oxocompostelina, noiaína e viguina, asícomocatalina, ribasina e ribasidina.

Dado que moitos destes novos alcaloides se atopaban en moi pequena cantidade nas plantas, outra das liñas de investigación do grupo do profesor Castedo dirixiuse ao desenvolvemento de novos métodos de síntese para obter os novos produtos naturais en cantidade suficiente para poder determinar a súa actividade biolóxica.

Esta labor investigadora permitiu ademais a realización de máis de 70 teses doutorais no grupo de Luis Castedo, o que resultou na publicación de cerca de 500 traballos científicos en revistas do máximo prestixio internacional e de varios capítulos de libros en editoriais internacionais de gran fama.

 Facebooktwitterlinkedinmail

Comments are closed.