O pasado Xoves, celebrouse a primeira reunión de traballo da rede de «Tecnoloxías e análise dos datos lingüísticos»

O CiTIUS foi a sede da primeira reunión de traballo da nova rede de investigación «Tecnoloxías e análise dos datos lingüísticos», integrada por unha agrupación mixta de investigadores das universidades deSantiago (USC) e Vigo (UVIGO).

Promovida polo grupo de investigadores do instituto de referencia en estudos da Lingua, o ILG (Instituto da Lingua Galega – USC), esta rede procura o aproveitamento de sinerxias de traballo entre as distintas áreas de coñecemento, e está formada por seis grupos de investigación dos sectores lingüístico, informático e estatístico.

No eido das tecnoloxías da información, o CiTIUS está representado polos grupos de investigación COGRADE («Gráficos por Computador e Enxeñaría de Datos» – USC) e GSI («Grupo de Sistemas Intelixentes» – USC). Pola súa banda, a Universidade de Vigo participa  nesta rede co «Grupo de Tecnoloxías Multimedia» (GTM-UVIGO), pertencente ó Departamento de Teoría do Sinal e Comunicacións.

Trátase dunha alianza estratéxica fundamentada na cooperación interdisciplinar entre numerosos investigadores, contando asemade no seu apartado de lingüística coa participación do grupo TALG (Tecnoloxías e Aplicacións da Lingua Galega – UVIGO), cuxo labor sustenta o traballo do recoñecido Seminario de Lingüística Informática da Universidade de Vigo.

A rede complétase coa participación do grupo de estatística MODESTYA («Modelos de Optimización, Decisión, Estatística e Aplicacións» – USC), que permitirá avanzar na utilización de técnicas novidosas na análise dos datos lingüísticosFacebooktwitterlinkedinmail

Comments are closed.