O investigador do CiQUS Francisco Rivadulla obtén unha nova axuda ERC

O proxecto ANTS (A New Technology of microthermal Sensing for application in microcalorimetry) acadou unha das 44 axudas ‘Proof of Concept’ (PoC) concedidas nesta nova convocatoria europea

Francisco Rivadulla, investigador principal no  CiQUS (Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da Universidade de Santiago de Compostela) foi recoñecido cunha das axudas PoC – Proof of Concept («Proba de Concepto») que concede o Consello Europeo da Investigación (European Research Council – ERC). Dotadas con 150.000 euros, a misión principal destas axudas é contribuir a salvar a fenda entre a investigación básica e o mercado, servindo de impulso nas primeiras fases de comercialización dun producto innovador.

A iniciativa premiada, coñecida como ANTS (A New Technology of microthermal Sensing for application in microcalorimetry)  conseguiu entrar na listaxe definitiva xunto a outros 43 seleccionados en toda Europa (5 en España) cunha proposta fundamental que emana dos resultados de investigación obtidos no marco do proxecto europeo ERC Starting Grant financiado cun millón e medio de euros polo Consello Europeo de Investigación en 2010, e cuxos resultados xa foron patentados.

O obxectivo do proxecto ANTS é desenvolver un novo tipo de microsensor de temperatura de alta resolución temporal e espacial, baseado nun efecto magnetotérmico. Como explica o profesor Rivadulla, «as primeiras medidas xa permitiron determinar diferenzas de temperatura da orde dunha millonésima de grao a través de películas delgadas duns poucos nanómetros de espesor; o que nos propoñemos agora con este proxecto é empregar esta resposta eléctrica como un sensor térmico ultrasensible».

Un aspecto de especial relevancia nesta proposta é que os elementos activos de detección están feitos dun único material, o que ofrece vantaxes importantes para a miniaturización cando se compara cos módulos Peltier clásicos que se empregan na actualidade; por outra parte, contan co valor engadido de que son sinxelos de fabricar cos medios de deposición física tradicionais, así como a través doutros procedementos fotolitográficos estándar xa dispoñibles.

Ao longo do novo proxecto PoC – Prueba de Concepto, os investigadores tratarán de optimizar esta resposta e deseñar un sistema capaz de medir variacións de temperatura moi pequenas –como as producidas nalgunhas reaccións químicas-, cunha boa resolución espacial e temporal. «O obxectivo é demostrar a viabilidade dun novo microsensor térmico para a súa aplicación nunha nova xeración de microcalorímetros, alén da tecnoloxía dispoñible a día de hoxe, e mellorando enormemente a súa resolución térmica, temporal e espacial», afirma Rivadulla.

Para a presentación do proxecto de proba de concepto o profesor Rivadulla contou co apoio da Área de Valorización, Transferencia y Emprendimiento que conta cunha ampla experiencia na preparación de proxectos para este tipo de programas, tales como o programa de Inversión en Ciencia da Fundación Barrié, o programa Mind the gap da Fundación Botín ou o Programa de Desenvolvemento Precomercial do SERGAS.

O dispositivo proposto por ANTS pretende aportar unha ferramenta cuantitativa para determinar con maior precisión a enerxía involucrada en distintos procesos, o que permitirá a súa aplicación en múltiples áreas, desde o ámbito da catálise ata o estudo de interrelacións biolóxicas de interese como a interación proteína-proteína ou ADN-proteína.

Destinadas a abrir pontes entre investigación e mercado, as Proof of Concept pechan o ciclo de axudas do ERC, cuxa función esencial é financiar liñas de investigación de alto risco mediante o respaldo a proxectos na fronteira do coñecemento, co obxectivo de que permitan abrir novas ou inesperadas oportunidades de aplicación a nivel social e comercial.

piedefoto_CiQUSrivadulla2gal

Facebooktwitterlinkedinmail

Here's your chance to leave a comment!