O IDIS converteuse un referente como instituto de investigación sanitaria

O Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago conseguiu en 2011 financiamento para 67 novos proxectos por valor de 8,36 millóns de euros. A gran maioría (42) foron concursos competitivos de índole nacional e achegan máis do 54% dos novos recursos financeiros conseguidos o pasado ano (4.542.948 euros), mentres que máis de 3 millóns de euros proveñen dos cinco proxectos con éxito en convocatorias europeas. Ademais, na actualidade o IDIS ten activos 276 ensaios clínicos, convenios ou contratos que reportan uns ingresos de máis de 3 millóns de euros.

A pasada semana a presidenta do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago, Orballo Mosquera, acompañada polo reitor da USC e vicepresidente do IDIS, Juan Casares; o director científico do IDIS, José Castillo; o xerente da Xerencia de Xestión Integrada de Santiago, Luis Verde; e o decano da Facultade de Medicina, Juan Gestal, e coa presenza da conselleira de Sanidade, presentaron a Memoria de actividade do IDIS 2011, onde se constan todos estes datos.

Na actualidade o IDIS conta con 63 grupos de investigación formados por 699 investigadores, que traballan nas áreas de Endocrinoloxía, Inflamación, Neurociencias, Epidemioloxía, Oncoloxía e Xenética e Bioloxía de Sistemas. E acaban de incorporarse 11 novos grupos de investigación, todos eles de recoñecido prestixio en diferentes áreas de investigación, como a endocrinoloxía oncolóxica; a peunomoloxía; as células nai en cancro e envellecemento; a neurociencia cognitiva; ou a endocrinoloxía pediátrica, entre outros. Nesta ampliación acóllense grupos procedentes de Lugo e un procedente do CNIO.

Froito do labor desenvolvido polos grupos de investigación do IDIS e na busca da internacionalización das súas investigacións o pasado ano conseguíronse tres patentes nacionais e iniciouse a tramitación de dez solicitudes de patente nacionais e 12 internacionais. No apartado da produción científica, en 2011 contabilizáronse un total de 464 traballos científicos, dos que 219 (o 47%) o foron en prestixiosas revistas científicas.

O IDIS é o único instituto acreditado de Galicia polo Instituto de Saúde Carlos III que lle permite acceder en situación de privilexio a determinadas convocatorias públicas de investigación. Esta acreditación recoñece a excelencia do instituto, tanto no terreo científico como organizativo e foi conseguida tras unha exhaustiva análise da traxectoria e resultados das publicacións dos diferentes grupos que o compoñen.Facebooktwitterlinkedinmail

Comments are closed.