O futuro ao microscopio… Planning for Energy Efficient Cities (PLEEC)
Coñece de primeira man como será o futuro. Os nosos investigadores preséntanche as súas liñas de investigación máis prometedoras encamiñadas a mellorar a calidade de vida e a xerar emprego, riqueza e desenvolvemento social e económico.
Hoxe presentámosvos un proxecto europeo que identifica tecnoloxías, comportamentos sociais e medidas estruturais en cidades europeas con plans innovadores e ambiciosos en materia de aforro de enerxía.
O proxecto PLEEC formúlase nun ámbito onde se están a empezar a sufrir as consecuencias do cambio climático e onde uns dos principais xeradores de gases de efecto invernadoiro son os produtores e usuarios de formas de enerxía non sostible.
Neste marco, o proxecto PLEEC identificará tecnoloxías, comportamentos sociais e medidas estruturais nunha serie de cidades europeas de mediano tamaño con plans innovadores e ambiciosos en materia de aforro de enerxía e propoñerá modelos e plans de acción baseados nos tres piares mencionados anteriormente e que serán difundidos a nivel europeo seguindo un completo e detallado plan de comunicación.
Como obxectivos máis concretos, o proxecto PLEEC formula:
- Avaliar o potencial de diferentes medidas de aforro de enerxía.
- Demostrar como unha planificación integrada de medidas é máis eficiente que a implementación de diferentes medidas por separado.
- Desenvolver Plans de Acción concretos para presentar os responsables en cada cidade.
- Contribuír aos esforzos para conseguir os obxectivos do SET-Plan de reducir o consumo de enerxía nun 20% en 2020.
Colaboradores e asociados
Para conseguir estes obxectivos, cóntase cun consorcio internacional de 18 socios pertencentes a 13 países europeos, repartidos principalmente entre cidades e centros de investigación e que conta cun presuposto de 4 millóns de euros financiados polo 7º Programa Marco de I+D da Unión Europea.
Os socios españois do proxecto son a USC e o Concello de Santiago de Compostela. A USC participa no proxecto cun equipo multidisciplinar de investigadores do CITIUS, IIT e dos Departamentos de Matemática Aplicada e Estatística e investigación operativa. Este equipo participará na determinación dos perfís e categorización das cidades participantes, na avaliación do potencial das tecnoloxías na eficiencia enerxética e o aforro para un desenvolvemento sostible e no deseño de solucións innovadoras para unha cidade eficiente enerxeticamente mediante unha planificación integrada.
Metodoloxía
O proxecto aplicará a metodoloxía de “Smart cities” para clasificar ás cidades participantes e poder comparalas coas xa avaliadas, e estudará as súas potencialidades nos diversos aspectos da devandita metodoloxía., que se terán en conta no desenvolvemento do proxecto.