O futuro ao microscopio…Papel dos inhibidores do ciclo celular en células nai normais e tumorais

Coñece de primeira man como será o futuro. Os nosos investigadores preséntanche as súas liñas de investigación máis prometedoras encamiñadas a mellorar a calidade de vida e a xerar emprego, riqueza e desenvolvemento social e económico.

Hoxe presentámosvos un proxecto desenvolvido dende o CIMUS.

Nome e apelidos do investigador principal: Anxo Vidal Figueroa

Grupo de investigación: Ciclo celular e oncoloxía (CiClOn)

Institución: Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS). Universidade de Santiago de Compostela.

Proxecto

Os inhibidores do ciclo celular actúan como freos á división celular e por iso presentan actividade anti-tumoral. Ademais, estes xenes participan en procesos biolóxicos moi diversos, como a diferenciación, a migración, ou o control da expresión xénica. Non obstante, non está claro se estas funcións poden ser relevantes para frear o desenvolvemento do cancro. O noso grupo está interesado en entender como estes inhibidores regulan eses outros procesos, centrándonos recentemente no estudo das células nai, tanto normais coma tumorais. Con iso esperamos abrir a porta a novas posibilidades de manipulación destas células, co conseguinte impacto sobre a medicina rexenerativa e a terapia antitumoral.

Resultados esperados e obtidos

A través do uso de modelos animais modificados xeneticamente, o grupo xa contribuíu cos seus resultados ao descubrimento de novas funcións dos reguladores do ciclo celular na formación de vasos sanguíneos ou de óso. Dos estudos en tumores puidéronse identificar distintos xenes que actúan como marcadores tumorais ou que son potenciais dianas de intervención terapéutica. No futuro inmediato, pretendemos entender como modificar o estado depluripotencialidad celular en células nai do cancro coa intención de manipular esta propiedade, por métodos xenéticos ou farmacolóxicos, e eliminalas máis eficientemente.

Cronograma

O grupo veu traballando na liña de investigación descrita nos últimos oito anos, a través de varios proxectos encadeados. En concreto, o traballo experimental en células nai normais e tumorais completarase nos próximos dous anos.

Propiedade intelectual

O grupo xerou xa unha patente para o diagnóstico do cancro de tiroide, un dos máis frecuentes.

En canto aos novos resultados, espérase que orixinen patentes, particularmente aqueles relacionados cos modos de interferir co mantemento da pluripotencialidad das células nai. O interese desta manipulación é dobre: as ferramentas que potencien a reprogramación serán de posible aplicación en medicina rexenerativa, para mellorar os protocolos de obtención de células para terapia, mentres que as técnicas que interfiran con ela, serán de potencial uso antitumoral ao combater a multipotencialidade e desdiferenciación das células nai tumorais. Por outro lado, a definición dos mecanismos moleculares que controlan a bioloxía de células nai normais e tumorais sen dúbida permitirá a identificación de novos marcadores útiles en cancro e, sobre todo de novas dianas de intervención terapéutica.

Así mesmo, é de esperar que se xeren novos modelos tanto celulares coma animais que permitirán o desenvolvemento de cribados farmacolóxicos ou moleculares en sistemas xeneticamente definidos.

Colaboradores e asociados ao proxecto

Existen contactos con distintas empresas para a licenza da patente de diagnóstico en cancro de tiroide. No estudo da diferenciación celular a óso, cóntase coa colaboración da empresa biotecnolóxica ProCore Ltd. Non existen aínda acordos de transferencia para os resultados que xere o estudo das células nai normais e tumorais.

Internacionalización

O traballo do grupo desenvólvese en colaboración con numerosos grupos internacionais. No estranxeiro, colabórase con grupos de Portugal, Francia, Gran Bretaña, Israel e, sobre todo, os Estados Unidos, con laboratorios dalgúns dos centros de investigación máis destacados a nivel internacional.

 Facebooktwitterlinkedinmail

Comments are closed.