O futuro ao microscopio… Nanoestructuras poliméricas para aplicacións biomédicas

Coñece de primeira man como será o futuro. Os nosos investigacións preséntanche as súas liñas de investigación máis prometedoras encamiñadas a mellorar a calidade de vida e a xerar emprego, riqueza e desenvolvemento social e económico.

Hoxe presentámosvos un proxecto coordinado por Eduardo Fernández Megía, denominado Nanoestruturas poliméricas para aplicacións biomédicas.

Proxecto: Nanoestruturas poliméricas para aplicacións biomédicas

Grupo de investigación: GI-1608 – Nanomateriais e moléculasbioactivas

Institución: CIQUS (Universidade de Santiago de Compostela)

Investigador principal: Eduardo Fernández Megía

O proxecto

O fío condutor da nosa investigación é a preparación, funcionalización e caracterización de materiais poliméricos cos que construír sistemasnanométricos con aplicacións en biomedicina, transporte de fármacos e diagnóstico.

Entre estes materiais, os dendrímeros centran gran parte da nosa atención. Son macromoléculas sintéticas que, a diferenza dos polímeros clásicos, teñen unha forma globular e un tamaño controlado que lles confire propiedades físicas completamente diferenciadas.

Varios dendrímeros preparados no noso laboratorio demostraron utilidade en terapia xénica, como axentes de contraste en resonancia ou interferindo na agregación de péptidos e proteínas de relevancia para enfermidades como o HIV ou o Alzheimer.

Os resultados

Unha das nosas áreas de maior actividade é a preparación de micelas que poidan ser empregadas tanto no transporte de fármacos coma en diagnóstico, obtendo resultados que xa foron patentados a nivel nacional e internacional.

Estamos tamén moi involucrados no desenvolvemento de métodos máis eficientes de preparación de dendrímeros, así como no desenvolvemento de ferramentas que nos permiten afondar no coñecemento das propiedades de dendrímeros e polímeros.

Por último, o feito de que os dendrímeros dispoñen de grupos funcionais na súa superficie convérteos en potentes nano-ferramentas de utilidade para o estudo de interaccións biolóxicas. Este traballo, realizado en colaboración con Eva Muñoz (investigadora Parga Pondal), permitiunos afondar no coñecemento das interaccións entre azucres e proteínas, que son as interaccións tipicamente involucradas en procesos como a fertilización ou as etapas de recoñecemento de virus e bacterias.

Fase na que se encontra o proxecto

Este proxecto está en constante evolución e intentamos aproveitar as sinerxías entre as distintas áreas, de modo que continuamente exploramos diferentes posibilidades e comezamos novos proxectos que complementan tanto ás áreas de traballo en curso como o coñecemento e experiencia de fases previas xa finalizadas.

Propiedade intelectual

Actualmente temos 2 patentes vinculadas a esta liña de investigación e que foron a estendidas a Europa e EUA.

Colaboradores

A natureza dun proxecto deste estilo require dunha extensa rede de colaboradores que compartindo un interese común teñan capacidades complementarias; no noso caso, por exemplo, grupos de investigación que proben en células ou in vivo a efectividade dos nosos sistemas.

Noutras ocasións son eses grupos os que nos contactan porque están interesados nos nosos sistemas ou experiencia na preparación de conxugados ou nanosistemas a partir das súas propias proteínas, ácidos nucleicos ou ligandos co fin de mellorar a súa potencial utilidade biomédica.

Internacionalización

Neste contexto temos colaboracións activas e diversos acordos con numerosos grupos dentro e fóra da UE, e por suposto tamén en Campus Vida. Estamos a traballar para consolidar estas relacións no marco de proxectos de investigación conxuntos a nivel internacional.Facebooktwittergoogle_pluslinkedinmail

Comments are closed.