O futuro ao microscopio… MD.USe!, Solucións computacionais para sistemas experimentais

Coñece de primeira man como será o futuro. Os nosos investigacións preséntanche as súas liñas de investigación máis prometedoras encamiñadas a mellorar a calidade de vida e a xerar emprego, riqueza e desenvolvemento social e económico.

Hoxe presentámosvos un proxecto coordinado por Rebeca García-Fandiño, denominado MD.USe!, Solucións computacionais para sistemas experimentais, que se desenvolve no CIQUS.

Proxecto: MD.USe!, Solucións computacionais para sistemas experimentais

Investigador principal: Rebeca García-Fandiño

Grupo de investigación: Juan Granja  /  Ángel Piñeiro

Institución: CIQUS – Facultade de Física (Universidade de Santiago de Compostela)

O proxecto

A simulación de sistemas biolóxicos e materiais é unha nova área de coñecemento cunha forte proxección de futuro, que aspira a representar, entender e predicir o comportamento de sistemas vivos e materiais mediante algoritmos teóricos.

As simulacións computacionais de Dinámica Molecular fan posible coñecer en cada momento da simulación a posición e velocidade de cada átomo do sistema en condicións equivalentes ás que se levan a cabo nos experimentos de laboratorio (presión, volume, temperatura, concentración, pH, etc.), sendo moi útiles no estudo de sistemas químicos e biolóxicos.

Con esta técnica pódense reproducir hoxe en día unha ampla variedade de fenómenos útiles para o deseño e caracterización de materiais, agregación e adsorción molecular, mecanismos de acción en sistemas biolóxicos, cambios conformacional en macromoléculas, entre outros.

Os resultados

Os membros do equipo (Rebeca García-Fandiño, Edgar Mixcoha, AnxoPiñeiro) temos unha ampla experiencia na simulación computacional dun gran número de sistemas químicos, biolóxicos, e especialmente no mundo da nanotecnoloxía (nanotubos de carbono, peptídicos…). Ademais, especificamente, contamos cunha grande experiencia no campo das ciclodextrinas, unhas moléculas utilizadas en campos moi diversos.

Durante os últimos anos levamos a cabo numerosas colaboracións con grupos de investigación nacionais e internacionais, dando como resultado un bo número de publicacións en revistas de prestixio internacional.

Fase na que se encontra o proxecto

Na actualidade estamos en fase de constitución dunha spin-off da Universidade de Santiago de Compostela, chamada MD.USe!,

A devandita empresa dedicarase á prestación de servizos de consultoría para a aplicación de simulacións computacionais de Dinámica Molecular como alternativa e complemento dos métodos experimentais tradicionais para optimizar a xeración de hipóteses válidas, o uso dos procedementos axeitados, e a perfecta interpretación dos resultados obtidos.

Neste momento estamos a levar a cabo a nosa actividade a través de contratos de asistencia técnica a través da Universidade de Santiago de Compostela.

Colaboradores

Colaboramos con grupos de investigación no ámbito nacional (Parc Cientific de Barcelona, Universidade de Zaragoza…) e internacional (Universidade de Oxford, Universidade de Southampton, Instituto Nacional de Pediatría de México…).

Internacionalización

MD.USe! nace con vocación internacional. Debido ás características dos servizos prestados, é indiferente a realización dunha simulación para unha universidade americana ou para unha empresa farmacéutica en Europa.Facebooktwittergoogle_pluslinkedinmail

Comments are closed.