O futuro ao microscopio…Funcionalización interna e externa de nanotubos peptídicos.

Coñece de primeira man como será o futuro. Os nosos investigadores preséntanche as súas liñas de investigación máis prometedoras encamiñadas a mellorar a calidade de vida e a xerar emprego, riqueza e desenvolvemento social e económico.

Hoxe presentámosvos un novo proxecto: Funcionalización interna e externa de nanotubos peptídicos.

Nome e apelidos: Manuel Amorín

Grupo de investigación: Juan R. Granxa

Institución: CIQUS (Universidade de Santiago de Compostela)

Proxecto

Os nanotubos peptídicos están formados por ciclopéptidos que individualmente adoptan unha conformación plana, grazas a unha correcta selección da estrutura dos aminoácidos que os forman. Isto permite que logo os ciclopéptidos se autoensamblen (amoreándose) de forma espontánea formando os nanotubos.

Unha característica moi importante é que se pode funcionalizar non só o exterior se non tamén o interior do nanotubo con diferentes grupos (Me, F, OH…). Isto débese a que os ciclopéptidos (que posúen na súa estrutura gamma-aminoácidos) colocan o carbono situado entre o grupo amino e o ácido orientado cara ao interior da cavidade do nanotubo.

Resultados esperados

A funcionalización interna permitirá desenvolver diferentes aplicacións, como por exemplo o recoñecemento molecular (secuenciación de ADN, sensores, colectores moleculares…) ou a catálise.

Por outra parte, a modificación externa do nanotubo, que se logra seleccionado aminoácidos con diferente cadea lateral, será moi relevante para deseñar aplicacións no campo da bioloxía, como pode ser o desenvolvemento de novos axentes antimicrobianos.

Cronograma

As fases completadas ata o momento permitiron importantes avances tanto na comprensión coma no control das bases estruturais que rexen a formación dos nanotubos formados por gamma-aminoácidos.

Máis recentemente comezouse o desenvolvemento de deseños específicos con vistas ás futuras aplicacións, tanto no campo biolóxico (canles iónicas selectivas, recoñecemento molecular como pode ser a secuenciación de ADN, sistemas antimicrobianos, etc.) como no de materiais (catálise, motores moleculares, sistemas fotosensibles, etc.).

Propiedade intelectual

No pasado fíxose unha patente relacionada. Valorarase a posibilidade de presentar outras novas patentes segundo se vaian obtendo os resultados cos deseños específicos.

Colaboradores e asociados ao proxecto

Recentemente finalizou unha colaboración e espérase conseguir máis nos futuros programas de financiamento.

Internacionalización

Temos numerosas colaboracións con grupos de investigación a nivel nacional (especialmente coa Universidade de Zaragoza) pero tamén a nivel internacional, como o proxecto europeo MAGNYFICO (FP7-Cooperation-NMP).

Facebooktwitterlinkedinmail

Comments are closed.