O futuro ao microscopio… Estudo espectroscópico e computacional de Catalizadores Supramoleculares para a división fotocatalítica da auga

Coñece de primeira man como será o futuro. Os nosos investigadores preséntanche as súas liñas de investigación máis prometedoras encamiñadas a mellorar a calidade de vida e a xerar emprego, riqueza e desenvolvemento social e económico.

Hoxe presentámosvos un proxecto desenvolvido dende o CIQUS.
Nome e apelidos do investigador principal: José Luis Pérez Lustres

Grupo de investigación: Química Biofísica, Fotofísica eEspectroscopía

Institución: CIQUS, Universidade de Santiago de Compostela

Proxecto

A actual carencia enerxética e a súa perspectiva negativa a medio e longo prazo demandan o desenvolvemento dun abano de novas fontes de enerxía. Necesítase que estas sexan inocuas, limpas e renovables. Unha das posibles opcións consiste en aproveitar a luz do sol para inducir a división dunha molécula de auga en O2 e H+ e despois converter os protóns libres (H+) en hidróxeno molecular, H2. O hidróxeno é un combustible limpo que na súa combustión desprende auga unicamente e polo tanto non contribuiría ao exceso de emisións de CO2 á atmosfera. Non obstante, a división oxidativa da auga e a posterior redución dos protóns son procesos químicos altamente enerxéticos. O obxectivo é pois encontrar foto-catalizadores estables, eficientes e rápidos, que absorban a enerxía luminosa do sol e a entreguen á molécula de auga para que a reacción teña lugar de forma espontánea.

Resultados esperados e obtidos

Trátase dun proxecto en colaboración con outras Universidades europeas. A coordinación de esforzos en materia de síntesemetaloorgánica, espectroscopía e química computacional debe conducir a unha serie de foto-catalizadores baseados en metais abundantes (Fe, Nin, Mn) e que sexan capaces de catalizar de forma secuencial i) a división oxidativa da auga e ii) a redución dos protóns libres a hidróxeno molecular.

Cronograma

O proxecto encóntrase na súa fase inicial. O traballo conxunto das diferentes institucións comezou o pasado mes de febreiro de 2013 co Kick-Off Meeting de la Acción COST CM1202 SupramolecularPhotocatalytic Water Splitting (financiado pola EU) e prolongarase durante catro anos. Durante o ano 2013 estudaremos unfotocatalizador de Rutenio e Platino mediante espectroscopía óptica e química cuántica. O estudo realízase en colaboración coa Universidade de Ulm (Alemaña). Buscamos os parámetros que controlan a eficiencia e a rapidez do proceso catalítico e poderemos suxerir vías de optimización. Os dous anos seguintes servirán para comprobar as nosas teses e fabricar (de xeito conxunta) equipos que poidan producir hidróxeno molecular a partir de auga baixo a acción do sol.

Propiedade intelectual

Espérase xerar patentes pola propia natureza do proxecto aínda que é aínda pronto para aventurar un número.

Colaboradores e asociados ao proxecto

A acción COST (European Cooperation in Science and Technology) CM1202 enmárcase dentro do dominio CMST (Chemistry andMolecular Sciences and Technologies). Ata 30 das principais industrias químicas do continente participan nas accións do dominio.

Internacionalización

Institucións académicas de 16 países europeos participan na AcciónCOST CM1202 e outros dous países mostraron o seu interese en participar. A Acción está coordinada por Prof. Benjamin Dietzek(Institute of Photonic Technology, Jena, Alemaña) e conta cun presuposto de aproximadamente 130.000 Euros anuais para actividades de coordinación e difusión científica.

Facebooktwitterlinkedinmail

Comments are closed.