O futuro ao microscopio… Desenvolvemento e implementación de novas tecnoloxías e protocolos no estudo de ecoloxía reprodutiva pesqueira

Coñece de primeira man como será o futuro. Os nosos investigadores preséntanche as súas liñas de investigación máis prometedoras encamiñadas a mellorar a calidade de vida e a xerar emprego, riqueza e desenvolvemento social e económico.

Hoxe presentámosvos un proxecto coordinado dende o CITIUS que investigan sobre o desenvolvemento e implementación de novas tecnoloxías no estudo de ecoloxía reprodutiva no ámbito pesqueiro.
Proxecto: Desenvolvemento e implementación de novas tecnoloxías e protocolos no estudo de ecoloxía reprodutiva pesqueira

Grupo de investigación: Eva Cernadas García e Manuel Fernández Delgado

Institución: CITIUS (USC)

Investigador principal: Eva Cernadas García

O proxecto

Á hora de xestionar os recursos mariños, e para garantir unha explotación sostible destes, é fundamental a conservación do Potencial Reprodutivo dun Stock. Este indicador -coñecido comoPRS-, se estima tomando como referencia o cálculo da fecundidade, un parámetro esencial que, non obstante, rara vez se utiliza, debido á complexidade da análise e ao elevado custo do proceso. Neste proxecto pretendemos construír un sistema automático baseado en visión por computador, a partir de imaxes histolóxicas das gónadas dos peixes.

Os resultados

O noso obxectivo é deseñar e implementar un software que permitise a estimación da fecundidade, a partir da análise automática de imaxes histolóxicas das gónadas dos peixes. En concreto, o software recoñece os bordos dos ovocitos maduros na imaxe, e clasifícaos dende dúas perspectivas: «ovocitos con e sen presenza de núcleo», e «ovocitos pertencentes a distintos estados de maduración». Tamén calcula histogramas de diámetros. Toda a información que se necesita e se calcula está almacenada nunha base de datos, o cal permite a revisión dos cálculos realizados e o traballo en equipo.

Fase na que se encontra o proxecto

O financiamento do proxecto rematou. O software está en explotación no Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC-Vigo), e vaise utilizar na Estación de Hidrobioloxía “Encoro do Con” (EHEC) da Universidade de Santiago de Compostela. Nestes momentos, estase a preparar xa a distribución libre do software.

Preténdese é que a distribución desta ferramenta se realice na modalidade de software libre. Por esta razón, non se espera xerar ningunha patente.

Colaboradores

O software GOVOCITOS foi desenvolvido entre o CiTIUS (USC) e o grupo LIA (UVigo), en colaboración co Instituto de Investigacións Mariñas (CSIC).

Este proxecto foi realizado con financiamento da Xunta de Galicia.

Para máis información:

Nome e Apelidos: Eva Cernadas García

Teléfono: 881 816459

Email: eva.cernadas@usc.es

Cargo: Investigadora

Facebooktwitterlinkedinmail

Comments are closed.