O futuro ao microscopio… Desenvolvemento de novos materiais termoeléctricos baseados en nanoestruturas bidimensionais

Coñece de primeira man como será o futuro. Os nosos investigadores preséntanche as súas liñas de investigación máis prometedoras encamiñadas a mellorar a calidade de vida e a xerar emprego, riqueza e desenvolvemento social e económico.

Hoxe presentámosvos un proxecto coordinado dende o CIQUS onde investigan para o desenvolvemento de tecnoloxías que melloren substancialmente a eficiencia da xeración, conversión e utilización da enerxía..Proxecto: Desenvolvemento de novos materiais termoeléctricos baseados en nanoestruturas bidimensionais

Grupo de investigación: Grupo de Química de Materia Condensada

Institución: Universidade de Santiago de Compostela (CIQUS)

Investigador principal: Francisco Rivadulla Fernández

O proxecto

O actual ritmo de crecemento na demanda enerxética require, para que sexa sostible, o desenvolvemento de tecnoloxías que melloren substancialmente a eficiencia da xeración, conversión e utilización da enerxía. Por outra parte, aumentar a eficiencia enerxética (utilizar menos enerxía para producir a mesma cantidade de traballo) é particularmente importante na redución do impacto ambiental asociado.

Os dispositivos termoeléctricos responden a unha diferenza de temperatura xerando unha voltaxe eléctrica que pode ser utilizada para realizar un traballo. Na súa versión inversa, unha corrente eléctrica que circule a través dese dispositivo produce unha diferenza térmica entre os seus extremos e que pode ser utilizada, por exemplo, para refrixerar outro elemento.

No noso traballo exploramos novas vías para o deseño de novos materiais con propiedades termoeléctricas. En concreto, estamos a fabricar sistemas bidimensionais (capas e multicapas duns poucos nanómetros de espesor

Os resultados

Esta aproximación adoptada no proxecto permite manipular de forma independente as propiedades eléctricas e térmicas dos sistemas termoeléctricos, co obxectivo de maximizar a súa resposta termoeléctrica e lograr así un salto cualitativo na eficiencia que actualmente presentan estes dispositivos.

O proxecto encóntrase no seu segundo ano (de 5 anos de duración total), de modo que ata agora se desenvolveu a metodoloxía para a preparación das nanoestruturas e os métodos experimentais para a súa caracterización. Neste momento estanse a levar a cabo as primeiras medidas experimentais.

Dado que se está nunha fase inicial aínda non se xerou ningunha patente, pero sería factible unha vez que se obteñan os primeiros resultados satisfactorios.

Internacionalización

O proxecto está financiado polo European Research Council, a través do programa de Starting Grants, cun total de 1,5 millóns de euros durante 5 anos. Ademais colaboramos cientificamente con varios grupos de Estados Unidos e Europa.

Para máis información:

Nome e Apelidos: Francisco Rivadulla Fernández

Teléfono: 881 81 55 78

Email: f.rivadulla_@usc.es

Cargo: Investigador principal do proxecto “Desenvolvemento de novos materiais termoeléctricos baseados en nanoestruturas bidimensionais”

Facebooktwitterlinkedinmail

Comments are closed.