O Starting Grant do CiMUS Miguel López gaña o premio ‘Talento Novo en Investigación Biomédica’

laSexta e Fundación AXA recoñecen con 100.000 euros o traballo do grupo ‘NeurObesidade’, premiando o valor as súas achegas no campo da bioloxía molecular desta patoloxía.


O investigador do CiMUS Miguel López vén de ser recoñecido a nivel nacional como mellor ‘Talento Novo en Investigación Biomédica’ na II Edición dos Premios ‘Constantes e Vitais‘, unha campaña de responsabilidade corporativa lanzada pola cadea de televisión laSexta en colaboración coa Fundación AXA para poñer en valor, apoiar, potenciar e fortalecer o labor investigador dos científicos españois no ámbito da biomedicina.

A concesión deste premio, que financiará con 100.000 euros as liñas de investigación do grupo NeurObesidade no CiMUS, é un recoñecemento á traxectoria de Miguel López polas súas contribucións no eido da bioloxía molecular da obesidade e a súa fisioloxía, en particular polos seus estudos para comprender mellor os mecanismos hipotalámicos que regulan a inxesta de alimentos e o gasto enerxético, con especial interese no papel do metabolismo lipídico neuronal.

Miguel López dirixe o grupo NeurObesidade no CiMUS

Miguel López dirixe o grupo NeurObesidade no CiMUS (Foto: ‘Galicia Innova’, VTelevisión).

Investigación de excelencia

Miguel López é Doutor en Bioloxía pola Universidade de Santiago de Compostela (1996). Tras realizar unha estancia postdoutoral na Universidade de Cambridge (UK) baixo a tutela do profesor Antonio Vidal-Puig, a súa carreira científica non deixou de evolucionar seguindo unha clara traxectoria ascendente, obtendo unha bolsa Ramón y Cajal en primeira instancia e posteriormente a prestixiosa axuda Starting Grant do Consello Europeo de Investigación (ERC – European Research Council), que apostou polo seu estudo de novas dianas terapéuticas para o tratamento da obesidade e a síndrome metabólica.

Nos últimos anos, o traballo do grupo NeurObesidade permitiu demostrar que as hormonas tiroideas (macromoléculas esenciais para o desenvolvemento de tódalas células do noso organismo) modulan o metabolismo da graxa no hipotálamo; ademais, traballos posteriores relacionaron o consumo de nicotina coa perda de masa corporal, e estudando a relación entre a diabetes tipo 2 e a obesidade o grupo descubriu tamén os mecanismos empregados polos estróxenos (especificamente, o estradiol) para regular o peso corporal. Entre outros achados realizados ao longo deste percorrido para comprender mellor a obesidade, o equipo de investigadores comandado por Miguel López desentrañou tamén un novo mecanismo molecular que afecta á ganancia de peso e a aparición da diabetes a través das ceramidas, unha familia de lípidos que forman parte das membranas celulares e que están igualmente involucradas nos procesos de sinalización celular.

Entre as achegas máis recentes do grupo destaca tamén un traballo que describe un novo mecanismo molecular responsable do aumento dunha proteína no hipotálamo de ratos obesos, capaz de conseguir que os roedores afectos reduzan o seu peso sen deixar de comer, mellorando ao mesmo tempo o seu estado metabólico e diminuíndo a súa diabetes tipo 2 asociada.

Facebooktwitterlinkedinmail

Here's your chance to leave a comment!