O CiTIUS acolle este mércores a conferencia do empresario Gerard López, propietario do equipo de Fórmula 1 Lotus

Gerard López, o coñecido empresario de orixe galega propietario do equipo de Fórmula 1 Lotus , visitará o CiTIUS o próximo mércores 23 de outubro para ofrecer unha conferencia sobre emprendemento e iniciativa empresarial. Presidente e socio fundador da firma Genii Capital  -unha compañía dedicada ao investimento, con sede en Luxemburgo-, López é tamén Socio Director de Mangrove Capital Partners, empresa de capital risco especializada en tecnoloxía.

«De Skype ao ceo»: unha conferencia autobiográfica

A traxectoria profesional de Gerard López está marcada por un dos seus grandes éxitos como investidor: Skype, o popular sistema de comunicacións para o intercambio de chamadas e videochamadas a través da Internet, foi apadriñado nos seus comezos por Mangrove Capital Partners, un dos primeiros investidores en apostar por esta idea de negocio, que se convertería máis tarde -coa súa venda en máis de 3 billóns de dólares- no que ata o de agora foi o investimento máis rendible da compañía.

Os beneficios obtidos coa venda de Skype servirán de argumento para trasladar á audiencia a necesidade de asumir certos riscos na xestión do capital privado á hora de investir en novas empresas, especialmente cando se trata de apostar por aquelas relacionadas co sector das novas tecnoloxías; as cales, a pesar de contar cun alto valor engadido, decotío atopan dificultades á hora de acceder ao financiamento. Esta foi a filosofía de Mangrove Capital Partners dende a súa fundación en 1998, ano a partir do cal ten descuberto e promovido máis de 40 compañías tecnolóxicas, das que se converteu en investidor principal.

 Un tecnólogo con visión de mercado

Gerard López licenciouse en Sistemas de Xestión da Información e Xestión Operacional pola Universidade de Miami, onde é membro activo do Comité Asesor da súa Escola de Negocios. Asemade, fundou a entidade sen ánimo de lucro Act Mangrove Charity, que promove a educación en países en vías de desenvolvemento. Ao longo dos últimos anos ten desenvolvido numerosas ideas de negocio, entre elas, unha compañía pioneira en desenvolvemento web (Icon Solutions) e a empresa de renting ProLease, ambas as dúas vendidas exitosamente aos 18 meses da súa posta en marcha.Facebooktwitterlinkedinmail

Comments are closed.