O CiMUS lanza a súa canle oficial en YouTube

O CiMUS (Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas) pon en marcha a «Canle CiMUS», un novo espazo audiovisual para dar a coñecer o labor do centro na popular plataforma YouTube.

Trala recente creación de novos perfís en Twitter, Google+ e a rede profesional LinkedIn -que se sumaron á páxina coa que xa contaba en Facebook-, o CiMUS completa así a súa incorporación ás redes sociais de meirande impacto, e dende hoxe dispoñerá dunha nova ferramenta audiovisual para comunicar na rede os retos científicos que se están a afrontar nos seus laboratorios. Serán os propios investigadores os que expliquen persoalmente os logros e desafíos do seu traballo, a través dunha serie de vídeos divulgativos cos que se pretende achegar o valor da investigación desenvolvida no centro ao conxunto da sociedade.

A Plataforma de Farmacoxenómica para o descubrimento temperán de novos fármacos Innopharma, un dos proxectos máis ambiciosos desenvolvidos na actualidade en Campus Vida, abrirá a serie de divulgación da nova canle. Os seus promotores, Mabel Loza e Angel Carracedo, expoñen cales foron os principais criterios que se seguiron para poñer en marcha a plataforma, os seus obxectivos e as expectativas que está a xerar, tanto no ámbito investigador coma no sector farmacéutico.

Coa creación desta nova canle, o CiMUS súmase ás iniciativas dos seus homólogos CiTIUS e CiQUS, que previamente puxeran en marcha a acción divulgativa que dende agora integrará ao conxunto da Rede de Centros Singulares de Investigación de Campus Vida.Facebooktwitterlinkedinmail

Comments are closed.