Nova axuda ‘ERC Proof of Concept’ no CiQUS

Javier Montenegro, investigador ‘Ramón y Cajal’ e beneficiario dunha das axudas europeas ‘ERC Starting Grant’, acada un novo recoñecemento do Consello Europeo de Investigación.

Javier Montenegro, investigador principal do CiQUS. / Foto: Elena Mora.

O investigador principal do CiQUS (Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares da Universidade de Santiago de Compostela) Javier Montenegro foi recoñecido cunha das axudas PoC – Proof of Concept («Proba de Concepto») que concede o Consello Europeo da Investigación (European Research Council – ERC) para apoiar os proxectos xa financiados polo propio ERC nalgunha convocatoria anterior, co gallo de estudar a transferencia á sociedade e avaliar o potencial perante o mercado e o eido comercial dos seus resultados científicos.

Traffikgene foi seleccionado nesta convocatoria xunto a outras 59 propostas europeas, 8 delas españolas, e continua a liña dos resultados de investigación obtidos no marco do proxecto ERC Starting Grant DYNAP (Dynamic Penetrating Peptide Adaptamers), financiado en 2015 cun millón e medio de euros polo Consello Europeo de Investigación para desenvolver novos xeitos de atravesar a membrana celular de forma selectiva. Esta PoC  é a segunda axuda que obteñen investigadores da USC, trala concedida ao tamén investigador do CiQUS Francisco Rivadulla en 2016 polo seu proxecto ANTS.

Cunha data de inicio prevista para mediados do ano que vén e unha duración de 18 meses, ao longo deste novo proxecto os investigadores tratarán de abordar a síntese de novos péptidos para a entrega de DNA, RNA ou proteínas ao interior das células co obxectivo de tratar enfermidades, actuando sobre a cantidade de proteínas defectuosas e entregando acedos nucleicos no interior celular, o que se coñece como “terapia xénica”. Os devanditos péptidos prepáranse en condicións acuosas e fisiolóxicamente compatibles, e por iso pódense atopar os mellores para entregar DNA ou RNA en diferentes liñas celulares que poderían desenvolver tumores no futuro. 

Outro dos obxectivos das axudas PoC é abordar a transferencia á sociedade dos froitos da investigación a través do sector privado, colaborando con algunha empresa que estea interesada en levar un paso máis aló o descubrimento ou creando unha empresa “spin-off” para o desenvolvemento desta nova tecnoloxía.

Facebooktwitterlinkedinmail

Here's your chance to leave a comment!