No laboratorio con… F. Javier Sardina, catedrático de Química Orgánica e investigador del CIQUS.

No laboratorio con… é un espazo onde semanalmente vos presentaremos, a través de 5 preguntas, o talento e a excelencia dos investigadores de Campus Vida.

Hoxe presentámosvos a  F.  Javier Sardina, catedrático de Química Orgánica e investigador do CIQUS na Universidad de Santiago de Compostela.

Nome e apelidos:  F.  Javier Sardina

Posto / Grupo de investigación:  Catedrático de Química Orgánica /Investigador CIQUS

Institución: CIQUS / Universidade de Santiago de Compostela

Francisco Javier Sardina López formouse como especialista en química orgánica sintética na Universidade de Santiago de Compostela (USC), onde recibiu a súa licenciatura (1980) e doutoramento (1985).

De 1986 a 1988 foi bolseiro Fulbright na Universidade de California, Berkeley, traballando no laboratorio do Prof. Henry Rapoport. Na actualidade, é Catedrático de Química Orgánica na Universidade de Santiago e os seus intereses en investigación van desde a síntese orgánica asimétrica ata o desenvolvemento de software científico.

O Prof. Sardiña é co-fundador e Director do Consello Científico Asesor de MESTRELAB RESEARCH S. L., unha spin-off da USC.

1. Quen é para tí o científico máis importante do século XX? Por que?

Como científico, sen dúbida Albert Einstein, que cambiou radicalmente a nosa forma de entender o Universo Físico coa súa Teoría da Relatividade e cuxas ramificacións chegan ata a Química, o meu particular terreo de xogo. Mesmo hoxe segue de máxima actualidade, co seu insight sobre a Constante Cosmolóxica, que xa se acepta como a primeira referencia á Enerxía Escura, iso que aínda non sabemos que é, pero que representa o 70% do que formaUniverso.

En Einstein conxúganse, ademais, dúas facetas que o elevaron por enriba de todos os demais científicos de todas as épocas: a súa influencia sobre a Sociedade do seu tempo foi maior que a de ningún outro científico, nin antes nin despois. Recordemos, tan só, que a súa firma ao pé dunha carta ao entón Presidente de EUA lanzou o Proxecto Manhattan e a Era Atómica, coas súas inmensas luces e aterradoras sombras.

Ademais, a figura de Einstein converteuse nunha icona mediática recoñecida universalmente e iso, nunha Sociedade que consume aos seus mitos en moito menos que os famosos 15 minutos de gloria, é todo un logro.

2. Un descubrimento que cambiou o mundo Por que?

Como dominar e utilizar o lume, a fonte de enerxía de todos os cambios químicos inducidos pola Humanidade durante miles de anos. O avance civilizador producido por este simple feito foi o maior da Historia, con diferenza. De feito, na miña opinión, a Humanidade existe hoxe por este descubrimento, polo que significou de salto cuántico na mellora das condicións de seguridade e alimentación para a especie que o realizou. E como exemplo de serendipia non ten parangón. E se foi realizado por un só individuo, ese descoñecido merecería o posto n.º 1 no ranking dos mellores científicos de todos os tempos. E todo iso coa capacidade cerebral dos humanos de hai case dous millóns de anos…

3. Por que decidiches ser investigador?

De pequeno era un ávido lector de comics de superheroes. Eu coñecín, e quedeime enganchado a, os superheroes de Marvel hai máis de 40 anos. Un dos meus favoritos era o Dr. Hank Pym (o Home Formiga ou o Home Xigante, segundo respondera a súa química corporal á inxestión de certas substancias), ao que sempre se refería como “EL Mejor Bioquímico del Mundo”.

Sen ter nin idea do que significaba, gustábame como soaba, e aí decidín, con dez ou once anos, o que quería ser de maior. E nunca me arrepentín, porque conseguín que me paguen (máis do que necesito, aínda que moito menos do que vallo) por facer o que máis me apaixona e divirte.

4. Cal é a túa liña de investigación máis relevante? Que resultados esperades obter e que impacto poden ter na sociedade?

A resposta máis sincera é que, en investigación, sigo a miña curiosidade insaciable e a serendipia que é o frecuente resultado de facerlle preguntas desinhibidas á Natureza. O meu gran mestre, o Prof. Henry Rapoport, da Universidade de California, Berkeley, díxome unha vez If you know it’s going to work, why bother trying it?, e seguindo o seu guía, probo cousas que non deberían funcionar, só para que a Natureza me desvele algún dos seus pequenos secretos.

A resposta politicamente correcta é que investigo no descubrimento de novas reaccións en Química Orgánica, que permitan mellorar a eficacia dos procesos de síntese de moléculas complexas, dentro do campo da Química Verde (iso hoxe, claro, que mañá pode ser unha cousa distinta).

O impacto na Sociedade é sempre difícil, se non imposible, de predicir. O maior impacto social que unha das miñas liñas de traballo alcanzou tivo que ver co desenvolvemento dunha ferramenta de software científico (e eu non pasei de programar en Basic), que nos permitiu crear unha empresa spin-off que conta con case 10 anos de vida (e beneficios) e máis 25 empregados. Pura serendipia, unha vez máis.

5. En que aspecto crees que o ámbito Campus Vida favorece a túa investigación?

Quen espere beneficios materiais inmediatos de Campus Vida, máis alá da construción e dotación de espazos de investigación de excelencia, equivócase. Campus Vida é unha oportunidade para romper barreiras intra e interdisciplinares, para realizar unha investigación máis colaboradora e transformadora, para decatarnos aos nosos doutorandos e post-docs da carencia en competencias transversais da formación que impartimos, e para reenfocar os nosos obxectivos cara a un maior retorno social das tarefas que realizamos.

Para min, Campus Vida representa máis un cambio persoal e íntimo, que unha transformación do ámbito físico no que desenvolvo o meu traballo. É unha inxección de ilusión e optimismo que me axuda moito a seguir erguéndome cada mañá para enfrontarme aos problemas do día (ademais dos acumulados dos días anteriores).Facebooktwittergoogle_pluslinkedinmail

Comments are closed.