No laboratorio con… Xosé Manuel Pardo López, profesor da USC e investigador do CITIUS

No laboratorio con… é un espazo onde semanalmente vos presentaremos, a través de 5 preguntas, o talento e a excelencia dos investigadores de Campus Vida.

Hoxe presentámosvos ao Xosé Manuel Pardo López, profesor da USC e pertencente á Grupo de Visión Artificial do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías e Información, CITIUS.

Nome e apelidos: Xosé Manuel Pardo López

Posto / Grupo de investigación:  Profesor Titular dA Universidade / Grupo de Visión Artificial

Institución: CITIUS-USC

O profesor Xosé Manuel Pardo López, publicou máis de 90 artigos en revistas, capítulos de libros e actas de congresos en diversas áreas do procesamento e análise de imaxes, que van, dende a segmentación e reconstrución 3 D de estruturas anatómicas a partir de imaxe médica, ao seguimento e recoñecemento de persoas no ámbito da robótica, pasando polo desenvolvemento de modelos computacionais de atención visual e desenvolvementos de técnicas de fotogrametría para inspección industrial.

Estes traballos realizáronse no marco de 20 proxectos de investigación básica e aplicada, dos cales foi investigador principal en 7. Participou e participa como investigador en 3 contratos con empresas en ámbitos de vídeo vixilancia, apoio á condución e fotogrametría.

1. Quen é para tí o científico máis importante do século XX? Por que?

Científicos brillantes no século XX houbo moitos, así que eu vou tirar un pouco para casa. Gustaríame destacar ao xeoquímico Isidro Parga Pondal, que era da Costa dá Morte como eu e que quizais foi o primeiro científico galego relevante do que tiven coñecemento. Foi un investigador brillante preocupado pola internacionalización da investigación na USC, unha persoa politicamente comprometida, o que lle carrexo a expulsión da Universidade a comezos da Guerra Civil, e un emprendedor. Todo isto nunha época onde era difícil desenvolver calquera desas facetas neste país, e non digamos as tres á vez.

2. Un descubrimento que cambiou o mundo Por que?

É practicamente imposible destacar un descubrimento que cambiase o mundo sen ter que referirnos a outros previos que, directa ou indirectamente, o propiciasen. Sendo consciente diso, eu inclínome por destacar aqueles que tiveron un impacto moi importante na mellora da calidade de vida das persoas, entre os cales se encontran sen dúbida os do ámbito médico. Se entre estes avances nos restrinximos ás últimas décadas e en aspectos relacionados coa miña investigación, sen dúbida os realizados na obtención e procesamento das diferentes modalidades de imaxe médica están entre os máis notorios. Por marcar un fito, é xusto remontarse a finais do século XIX e recoñecelo a Wilhelm C.Rönteng, co seu descubrimento dos Rayos-X, o seu papel de precursor.

3. Por que decidiches ser investigador?

Realmente sendo estudante atraíame moito máis o mundo da empresa, en ámbitos de I+D. De feito, durante o último curso da carreira seleccionoume unha empresa de Madrid, xunto con outros tres compañeiros, para incorporarnos o verán seguinte a un proxecto que resultaba moi interesante. Era a comezos dos 90 e outra crise, que tamén trouxo moito paro, freou novas contratacións, polo que xusto nese momento me formulei a posibilidade de facer a tese doutoral. Ao pouco tempo me chegou outra oferta de traballo, pero xa me ilusionara coa tese e seguín ese camiño. O que máis me gusta facer é aprender, descubrir cousas novas e gozar co meu traballo. Isto permitíronmo a investigación e a docencia.

4. Cal é a túa liña de investigación máis relevante? Que resultados esperades obter e que impacto poden ter na sociedade?

Neste momento a liña de investigación máis relevante na que participo ten que ver co desenvolvemento de modelos computacionais de atención visual. Estes modelos teñen como obxectivo fundamental a detección de áreas e comportamentos conspicuos visuais para a asignación preferente de recursos computacionais. Con estas técnicas preténdese achegar o comportamento dos sistemas de visión por ordenador ao do sistema visual humano en dous aspectos básicos: por unha parte simular o seu comportamento en canto aos patróns de fixacións oculares e por outra, filtrar información visual non relevante que permita un postprocesado eficiente.

Entre os resultados que esperamos obter están seguir manténdose entre os modelos que definen o estado da arte e avanzar nas súas aplicacións aos ámbitos de deseño web e publicitario, análise de patróns de consumo, diagnóstico precoz de enfermidades neurodexenerativas e de trastornos da aprendizaxe, así como á robótica social.

5. En que aspecto crees que o ámbito Campus Vida favorece a túa investigación?

Creo que o concepto de centro singular de investigación dentro do Campus Vida axudará a visualizar socialmente o labor investigador e de transferencia tecnolóxica da USC. O ámbito Campus Vida favorece o desenvolvemento dun ambiente máis propicio para a investigación con maiores facilidades para a formación continua e a colaboración multidisciplinar e permite unha descarga de tarefas administrativas e unha optimización de recursos. Todo isto, indubidablemente, vai redundar nunha maior internacionalización da investigación e unha maior captación de recursos que nos permitan dar un salto cualitativo e cuantitativo.Facebooktwittergoogle_pluslinkedinmail

Comments are closed.