No laboratorio con… María de los Ángeles Castro Pérez, investigadora principal do Laboratorio de Farmacoloxía Molecular de receptores adaptados a proteínas G (GPCRs) do CIMUS
No laboratorio con… é un espazo onde semanalmente vos presentaremos, a través de 5 preguntas, o talento e a excelencia dos investigadores de Campus Vida.
Hoxe presentámosvos a María de los Ángeles Castro Pérez, investigadora principal do Laboratorio de Farmacoloxía Molecular de receptores adaptados a proteínas G (GPCRs) do CIMUS.
Nome e apelidos: María de los Ángeles Castro Pérez
Posto e Grupo de investigación: Profesora Titular (Departamento de Farmacoloxía da Universidade de Santiago de Compostela) / Investigadora Principal do Laboratorio de Farmacoloxía Molecular de receptores adaptados a proteínas G (GPCRs) do CIMUS.
Institución: Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS) Campus Vida – USC.
Marián Castro é Doutora en Farmacia, realizou a súa tese no Instituto Cajal (CSIC) e estanzas postdoutorais no Centro Nacional de Biotecnoloxía (CNB) (CSIC), o Instituto de Farmacoloxía e Toxicoloxía da Universidade de Würzburg (Alemaña) e o Simches Research Center (Massachusetts Xeral Hospital and Harvard Medical School), Boston.
Autora de 23 publicacións no campo da Farmacoloxía Molecular dos receptores adaptados a proteínas G (GPCRs) en revistas internacionais, entre elas algunhas de alto impacto (Nature Biotechnology, Nature Chemical Biology, PNAS), con máis de 550 citacións en artigos e patentes. Participa en proxectos de investigación nacionais e internacionais, dous como investigadora principal, así como en contratos de colaboración con empresas farmacéuticas e biotechs. Membro do comité de xestión da rede europea de investigación en farmacoloxía molecular de GPCRs, COSTAction: GLISTEN: GPCR-Ligand Interactions, Structures, andTransmembrane Signalling, financiada polo VII Programa Marco da Unión Europea. Membro de distintas sociedades e redes científicas nacionais e internacionais.
1. Quen é para tí o científico máis importante do século XX? Porqué?
Diría Albert Einstein, que nos fixo entender o noso mundo e o universo doutro xeito. Tamén admiro moito o traballo de SantiagoRamón e Cajal, que describiu moitas dos tipos de neuronas e células gliais que coñecemos actualmente, e fíxoo empregando microscopios que hoxe apenas identificariamos como tales. Máis na miña área, destacaría a Robert Lefkowitz. Cos seus traballos co receptor beta2-adrenérgico foi pioneiro e impulsor dos estudos na farmacoloxía molecular dos receptores tipo GPCR. Lefkowitz é o pai dunha escola de excelentes científicos, como o seu discípulo Brian Kobilka, con quen este ano compartiu o Premio Nobel de Química, pero tamén outros, como o español Federico Mayor Jr. ou Martin Lohse en Alemaña, en cuxo laboratorio tiven a oportunidade de realizar unha produtiva e enriquecedora estanza postdoutoral.
2. Un descubrimento que cambiou o mundo Porqué?
Creo que o illamento da penicilina, que ademais abriu a porta á busca doutros antibióticos, puido significar un cambio desa natureza.
Seguindo no campo do fármaco, diría que os esforzos que se están a dedicar hoxe a investigar as bases xenéticas das enfermidades complexas e da diferente susceptibilidade dos individuos a elas, así como á identificación e validación de novas dianas terapéuticas, van significar cambios importantes na nosa forma de entender a terapéutica e a variabilidade na resposta a fármacos entre a poboación, cuxo impacto veremos nun futuro próximo.
3. Porqué decidiches ser investigador?
Penso que realmente non foi unha decisión como tal. Máis ben, a medida que fun introducíndome no mundo da ciencia, xurdíronme novos retos e preguntas que me foron atrapando, e seguín internándome por ese camiño. Sempre me atraeu o campo da biomedicina, e tiven o privilexio de formarme da man de científicos excepcionais e traballar cóbado con cóbado con investigadores moi destacados nesta área. Eles exerceron unha influencia decisiva como mentores e colaboradores ao longo da miña carreira.
Creo firmemente na ciencia como motor de avance e mellora da sociedade, da que os científicos formamos parte. Gustaríame achegar o meu granito de area e que o meu labor puidese reverter dalgunha forma en beneficio de todos.
4. Cal é a túa liña de investigación máis relevante? Que resultados esperades obter e que impacto poden ter na sociedade?
Os GPCRs son a diana terapéutica á que van dirixidos máis do 40% dos fármacos actuais, e o seu potencial terapéutico aínda non está totalmente explorado. Traballamos con GPCRs relevantes en patoloxía psiquiátricas complexas como a esquizofrenia ou a depresión e na dor. Interésanos coñecer os patróns espacial e temporal da sinalización intracelular destes receptores, que estudamos empregando biosensores e técnicas de imaxebiomolecular en células vivas, así como outros aspectos da súa farmacoloxía como alosterismo, oligomerización e a activación específica dalgunhas rutas de sinais do receptor e non doutras por algúns agonistas. Estes aspectos determinan a diversidade e especificidade da sinalización dos receptores. Identificar novas formas de modulalos con fins terapéuticos axuda a desenvolver mellores fármacos. Nestes momentos estamos a determinar in vitroalgúns parámetros que poden predicir a eficacia clínica de fármacos activos sobre GPCRs. Coñecer isto axudaranos a reducir o fracaso nas fases avanzadas dos longos e custosos proxectos de I + D de fármacos.
5. En que aspecto crees que o ámbito Campus Vida favorece a túa investigación?
Campus Vida é un ámbito de interacción entre investigadores en áreas moi afíns da biomedicina, a química biolóxica, ou o I + D de fármacos, pero tamén áreas a priori máis distantes pero de cuxa interacción poden xurdir avances e enfoques moi relevantes e novidosos, como a investigación en novos materiais ou a física aplicada a problemas biomédicos. O Campus Vida, e o Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS) onde traballo, xunto co Instituto de Investigacións Sanitarias de Santiago (IDIS) ao que estou adscrita, ofrecen ao meu grupo excelentes oportunidades de intercambio científico, infraestruturas e apoio á transferencia de tecnoloxía e á colaboración con empresas. Tamén é un ámbito de formación privilexiado para os meus doutorandos, a través dos másteresoficiais da Universidade de Santiago de Compostela e co apoio da Escola de Doutorado Internacional.
Páxina web: http://www.usc.es/biofarma/en/personal/marian.htm