No laboratorio con… Marcos García Fuentes Investigador do Grupo Nanobiofar do Departamento de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica, Facultade de Farmacia; Instituto de Investigación Sanitario de Santiago (IDIS). CiMUS.

No laboratorio con… é un espazo onde semanalmente vos presentaremos, a través de 5 preguntas, o talento e a excelencia dos investigadores de Campus Vida.
Hoxe presentámosvos a Marcos García Fuentes Investigador del Grupo Nanobiofar del Departamento de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica, Facultade de Farmacia; Instituto de Investigación Sanitario de Santiago (IDIS). CiMUS.

Nome e apelidos: Marcos García Fuentes
Posto / Grupo de investigación: Profesor Contratado Doutor, GrupoNanobiofar
Institución: Centro Singular de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS); Departamento de Farmacia e Tecnoloxía Farmacéutica, Facultade de Farmacia; Instituto de Investigación Sanitario de Santiago (IDIS).

Especialista en tecnoloxía farmacéutica, nanomedicina ebiomateriales. Realizou a súa tese doutoral na Universidade de Santiago de Compostela (2004). Investigador visitante durante 8 meses no NSF Program on Therapeutic and Diagnostic Devices,Purdue University co Prof. Nicholas Peppas. Foi investigador postdoutoral Marie Curie no Department of Chemistry and Applied Biosciences, ETH Zürich durante máis de dous anos. Regresou a Santiago de Compostela en 2007 como investigador do programaIsidro Parga Pondal. Foi co-autor de máis de 30 publicacións internacionais que acumulan 1000 citas nos últimos 5 anos. É co-inventor de catro patentes, algunhas estendidas internacionalmente e traballou en diversos proxectos de transferencia e valorización. Colaborou na captación de fondos de investigación en proxectos competitivos nacionais ou europeos e contratos con empresas por valor de máis de 1 millón e medio de euros, despois de ser investigador responsable en varios dos devanditos proxectos.

1. Quen é para ti o científico máis importante do século XX? Porqué?

É unha pregunta complicada, pero vou dicir Watson e Crick. Estes días celebramos que hai 60 anos estes científicos descubriron a estrutura do ADN. Foi un descubrimento fundamental que nos explica como as células almacenan a información xenética, como a reproducen e como esta flúe para a formación de ARN e proteínas codificadas con estruturas específicas. Aínda hoxe en día estamos a estudar a regulación do código xenético e desentrañamos o código de organismos concretos.

2. Un descubrimento que cambiou o mundo. Porqué?

O desenvolvemento da rama matemática do cálculo, que tivo raícesantiquísimas pero que foi formalizado por Leibniz e Newton. O cálculo permítenos describir mediante ecuacións o cambio. É fundamental para poder formalizar mediante ecuacións case todas as ciencias experimentais e mesmo algunhas das sociais: física, química, bioloxía, economía, etc. Moitas das tecnoloxías das que dispoñemos non serían posibles sen os cálculos precisos das ecuacións que describen os procesos físicos e biolóxicos nos que se fundamentan.

3. Porqué decidiches ser investigador?

Gústame poder proxectar unha visión creativa no meu traballo, e sempre tiven interese pola enxeñaría e a tecnoloxía. O desenvolvemento tecnolóxico en medicina ten unha vertente práctica moi satisfactoria: traballas en novos produtos para mellorar a saúde humana, e ademais, o teu traballo pode contribuír ao desenvolvemento económico da sociedade. Por outro lado, o traballo investigador permíteche traballar con estudantes de doutorado nunha etapa formativa, que dende a miña perspectiva, pode ser a máis enriquecedora.

4. Cal é a túa liña de investigación máis relevante? Que resultados esperades obter e que impacto poden ter na sociedade?

Interésame o deseño de novos dispositivos médicos baseados en nanotecnoloxías ou novos materiais. Unha liña que me interesa particularmente é o deseño de dispositivo nanobiomédicos capaces de interactuar coas células nai, sexan sas ou tumorais. Penso que é un campo que pode derivar en avances moi significativos na loita contra o cancro, o Parkinson, ou para a rexeneración de tecidos e órganos tales como corazón infartado, lesións medulares, etc. O seu potencial é enorme e traballar nisto, moi excitante.

5. En que aspecto crees que o ámbito Campus Vida favorece a túa investigación?

Campus Vida foi unha aposta moi intelixente para a focalización do talento excelente desta Universidade, e para mellorar a súa competitividade. Espero esta aposta mantéñase e sígase desenvolvendo a través dos seus eixes de internacionalización, captación do talento e da colaboración integrada co Hospital Clínico e a empresa. O traballo dentro do Campus Vida axuda á xeración de proxectos conxuntos de maior riqueza técnica e científica, pero tamén mellora as posibilidades de translación da investigación para que esta alcance un impacto máximo na sociedade. O Campus Vida dótanos ademais dunha marca de excelencia que mellora a visibilidade da nosa investigación.

Facebooktwitterlinkedinmail

Comments are closed.