No laboratorio con…Juan Carlos Pichel Campos Investigador Parga Pondal do Grupo de Arquitectura de Computadores

No laboratorio con… é un espazo onde semanalmente vos presentaremos, a través de 5 preguntas, o talento e a excelencia dos investigadores de Campus Vida.

Hoxe presentámosvos a  Juan Carlos Pichel Campos Investigador  Parga Pondal  do Grupo de Arquitectura de Computadores

Nome e apelidos: Juan Carlos Pichel Campos
Posto / Grupo de investigación: Investigador Parga Pondal / Grupo de Arquitectura de Computadores
Institución: CiTIUS-Universidade de Santiago de Compostela

Juan Carlos Pichel é investigador post-doutoral do programa Isidro Parga Pondal. As súas liñas de investigación enmárcanse no ámbito da computación de altas prestacións (High Performance Computing), das novas arquitecturas do procesador e da súa aplicación a problemas da industria e a comunidade científica cunha necesidade de elevados recursos computacionais. Participou como membro do equipo investigador ou investigador principal en máis de 15 proxectos de investigación (nacionais e internacionais), financiados tanto por entidades públicas coma por empresas.

Destes últimos cabe destacar as colaboracións con dúas das empresas de tecnoloxía máis importantes do mundo: Hewlett-Packard (HP) e Intel. Como froito das investigacións realizadas nos diferentes proxectos levados a cabo,Juan Carlos Pichel publicou máis de 30 traballos en congresos internacionais e revistas de recoñecido prestixio na súa área de investigación. Así mesmo, realizou estanzas de investigación en diferentes universidades nacionais e internacionais, así como en centros tecnolóxicos.

1. Quen é para ti o científico máis importante do século XX? Por que?

É obvio que é moi difícil escoller unha única persoa, pero vou “varrer” un pouco para casa. No meu caso diría que Alan Turing. Creo que foi un científico que xunta todas as calidades necesarias para pasar á historia. Mesmo a súa vida persoal non estivo exenta de polémica, cun final tráxico con moitos interrogantes. Alan Turingestá considerado por moitos como o pai das ciencias da computación (Computer Science), así como da Intelixencia Artificial. Ademais fixo grandes achegas á arquitectura de computadores colaborando no desenvolvemento dos supercomputadores Colossuse Manchester nas décadas dos 40 e 50.

2. Un descubrimento que cambiou o mundo Por que?
Internet. Ao igual que a máquina de vapor foi a pedra angular na revolución industrial do século XVIII, creo que Internet é o núcleo da revolución que estamos a presenciar dende comezos deste século. Nunca o coñecemento estivo tan preto das persoas. Así mesmo, creo que supón unha canle inmellorable de comunicación e difusión de ideas e opinións.

3. Por que decidiches ser investigador?

Creo que sempre tiven claro que me quería dedicar a algo que me permitise estar continuamente a aprender. O traballo de investigador non che permite caer na rutina. Loxicamente, un sempre ten altos e baixos, pero deste xeito é máis complicado non estar motivado.

4. Cal é a túa liña de investigación máis relevante? Que resultados esperades obter e que impacto poden ter na sociedade?

A miña principal liña de investigación aborda a problemática da paralelización de aplicacións irregulares en sistemas de altas prestacións. Os sistemas de altas prestacións (ou supercomputadores) son ordenadores que posúen un número moi elevado de procesadores, tipicamente, miles ou decenas de miles deles. A idea é conseguir que aplicacións científicas que requiren elevados recursos computacionais reduzan de forma drástica o seu tempo de cómputo usando os devanditos sistemas. Por exemplo, reducir o tempo necesario polos modelos matemáticos para realizar a predición meteorolóxica e que poidamos ter unha predición actualizada cada poucas horas.
Outro problema engadido é que cando as aplicacións a paralelizarson irregulares o seu rendemento é especialmente baixo, xa que non aproveitan de forma eficiente a xerarquía de memoria do sistema. Debemos ter en conta que, ao contrario do que pode parecer, as aplicacións irregulares son das aplicacións científicas e de enxeñaría máis comúns. Así están presentes, entre outros, en problemas de simulación de dispositivos electrónicos, mecánica de fluídos ou problemas de n-cuerpos (astrofísica, dinámica molecular, etc.).
O noso labor céntrase en desenvolver algoritmos, ferramentas e técnicas de optimización que permitan executar estas aplicacións de forma eficiente en sistemas de altas prestacións.

5. En que aspecto crees que o ámbito Campus Vida favorece a túa investigación?

Creo que o ámbito do Campus Vida favorece moito a colaboración entre investigadores de grupos diferentes, e polo tanto, favorece o desenvolvemento de proxectos e colaboracións interdisciplinares. A área de investigación na que traballo é moi transversal, de modo que se beneficia especialmente disto.

Facebooktwitterlinkedinmail

Comments are closed.