O futuro ao microscopio… IC-Tagging: unha ferramenta biotecnolóxica baseada nas fábricas do reovirus aviario

Coñece de primeira man como será o futuro. Os nosos investigadores preséntanche as súas liñas de investigación máis prometedoras encamiñadas a mellorar a calidade de vida e a xerar emprego, riqueza e desenvolvemento social e económico.

Hoxe presentámosvos un proxecto desenvolvido dende o CiQUS que traballa coa replicación vírica para conseguir proteínas de interese na súa forma activa.

Proxecto: IC-Tagging: unha ferramenta biotecnolóxica baseada nas fábricas do reovirus aviario

Grupo de investigación: GI- 1194  Viroloxía Molecular e Estructural

Institución: CiQUS. USC

Investigador principal: José M. Martínez Costas

Proxecto

Podemos pensar nos virus como pequenas máquinas moleculares as cales, mediante a súa manipulación, poderían ser convertidas en ferramentas biotecnolóxicas.

Os reovirus aviarios, a través da proteína matriz muNS, orixinan no citoplasma das células hóspede (ás que infectan) uns compartimentos para replicarse, aos cales atraen ordenadamente todos os compoñentes necesarios para lograr a replicación vírica.

O noso proxecto consiste en reproducir estes compartimentos (mediante expresión de proteínas recombinantes en células en cultivo), e dirixir a eles outras proteínas de interese. Dese modo, xéranse unhas micro/nano estruturas proteicas, integradas nos devanditos compartimentos, e que conteñen precisamente unha ou varias proteínas de interese e na súa forma activa.

Ademais, este sistema sería en realidade unha potencial plataforma tecnolóxica con diversas aplicacións: detectar interaccións proteína-proteína, xerar vacinas subunidade, inmobilizar encimas, etc.

Resultados

Durante a execución do proxecto desenvolvemos un sistema de etiquetaxe molecular denominado IC-tagging co cal, mediante a adición dunha pequena etiqueta (IC) provocamos que proteínas recombinantes se relocalicen nas inclusións (pequenas boliñas proteicas) que forma o muNS.

Demostramos que as proteínas integradas manteñen a súa actividade e que o sistema é moi bo para purificar proteínas e detectar interaccións proteína-proteína. Ademais, actualmente estamos a ensaiar a súa validez como vacinas multi-epítopo e outras aplicacións en diferentes campos.

Fase actual do proxecto

Á vez que seguimos avanzando nunha maior comprensión destes mecanismos, en paralelo, realizamos novas probas e buscamos colaboracións para validar as diferentes aplicacións potenciais desta plataforma tecnolóxica, co obxectivo de lograr a súa licenza á industria.

Propiedade intelectual

Temos unha patente solicitada sobre o sistema completo e con extensión internacional (PCT).

Colaboradores e asociados

Colaboramos con investigadores do CISA (INIA) en Madrid para validar o uso da nosa metodoloxía na fabricación de vacinas con aplicación veterinaria.

Internacionalización

Estamos comezando unha colaboración con investigadores doMolecular Immunology International Centre for Genetic Engineeringand Biotechnology (Trieste, Italia), os cales mostraron o seu interese en probar esta tecnoloxía para investigar algúns fenómenos de tráfico intracelular de proteínas que na actualidade non están ben caracterizados.

A nosa tecnoloxía, o IC-tagging, pode achegar unha substancial vantaxe sobre os métodos de estudo existentes actualmente.

Facebooktwittergoogle_pluslinkedinmail

Comments are closed.