No Laboratorio con… Eddy Sotelo, Investigador principal do grupo ComBioMed do CIQUS

No laboratorio con… é un espazo onde semanalmente vos presentaremos, a través de 5 preguntas, o talento e a excelencia dos investigadores de Campus Vida.

Hoxe presentámosvos a  Eddy Sotelo,  Profesor Titular de Química Orgánica da Facultade de Farmacia da USC e Investigador principal do grupo ComBioMed do CIQUS.

Eddy Sotelo (Doutor en Química pola USC) é Profesor Titular de Química Orgánica da Facultade de Farmacia da USC dende 2010. A súa actividade investigadora céntrase nas fases iniciais do descubrimento de fármacos e o desenvolvemento de ferramentas farmacolóxicas para o estudo dos receptores adaptados a proteínas G (GPCRs). É autor de 60 publicacións, 5 patentes e un libro. Realizou estanzas de investigación na Universidade de Viena, Bari e Pompeu Fabra (Barcelona). É Investigador principal do grupo ComBioMed e de varios proxectos nacionais, autonómicos e de varios contratos de investigación con empresas farmacéuticas e biotecnolóxicas (2 proxectos CÉNIT). Membro do comité de xestión da rede europea de investigación en farmacoloxía molecular de GPCRs, COST Action:GLISTEN: GPCR-Ligand Interactions, Structures, and Transmembrane Signalling (VII Programa Marco).

1. Quen é para ti o científico máis importante do século XX? Porqué?

É realmente difícil propoñer o máis importante, especialmente no século XX; un século irrepetible en avances científicos e que mellorou substancialmente a nosa calidade e esperanza de vida. Xa postos a nomear elixiría a Einstein, ademais de pola relevancia dos seus traballos, polo cambio de paradigma que supuxo a teoría da relatividade.

2. Un descubrimento que cambiou o mundo. Porqué?

Outra pregunta difícil, pero aquí téñoo máis claro: a Penicilina. O descubrimento (casual) de Fleming, ademais de achegar un medicamento que salvou millóns de vidas, confirmou definitivamente o potencial do concepto bala máxica [desenvolvido por Erlich] e abriu as portas ao desenvolvemento dos antibióticos.

3. Porqué decidiches ser investigador?

As razóns foron varias, especialmente a curiosidade e o exemplo de varios profesores que marcaron o meu interese pola ciencia.

4. Cal é a túa liña de investigación máis relevante? Que resultados esperades obter e que impacto poden ter na sociedade?

O descubrimento de fármacos, especialmente de estruturas que actúen sobre novas dianas farmacolóxicas; xa que permitirán formular solucións novas para graves problemas de saúde. Tamén nos interesa o desenvolvemento de ferramentas farmacolóxicas que permitan entender mellor as bases da comunicación celular.

5. En que aspecto crees que o ámbito Campus Vida favorece a túa investigación?

Campus vida é un ámbito ideal para o desenvolvemento de proxectos cooperativos. Achéganos un ecosistema rico en profesionais altamente cualificados e motivados que traballan en proxectos moi atractivos. Ademais, achega unhas infraestruturas singulares e un excelente marco para a formación de persoal investigador novo.Facebooktwitterlinkedinmail

Comments are closed.