No laboratorio con… Dr. Anxo García Alonso. Profesor Doutor da Facultade de Farmacia e investigador

No laboratorio con… é un espazo onde semanalmente vos presentaremos, a través de 5 preguntas, o talento e a excelencia dos investigadores de Campus Vida.

Hoxe presentámosvos ao Dr. Anxo García Alonso. Profesor Doutor da Facultade de Farmacia.

Nome e apelidos: Dr. Anxo García Alonso

Posto / Grupo de investigación: Profesor Contratado Doutor. Departamento de Farmacoloxía (Grupo BioFarma). Facultade de Farmacia. Investigador principal do grupo emerxente “Proteómica de Plaquetas” do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago(IDIS). Investigador Principal do Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS), USC. Laboratorio de Proteómica de Plaquetas (Platelet Proteomics).

Especialista en proteómica clínica, aplicada sobre todo ao estudo dos mecanismos de activación das plaquetas sanguíneas, publicou 26 artigos sobre o tema nos últimos 9 anos, cun índice de impacto acumulado de 186 e 850 citas. Especializouse na investigación cardiovascular, centrándose no infarto agudo de miocardio, co obxectivo de identificar novos biomarcadores e obxectivos farmacolóxicos – fundamentalmente plaquetarios – que permitan un mellor diagnóstico e tratamento da devandita patoloxía. Editou un libro sobre proteómica de plaquetas, publicado por Wiley & Sons, e escribiu varios capítulos de libro sobre o tema, sendo conferenciante invitado en congresos internacionais. Traballou como investigador postdoutoral nos Dptos de Bioquímica e Farmacoloxía da Universidade de Oxford durante 5 anos, onde recibiu premios ao mérito investigador. Regresou á USC en 2006 como investigadorParga Pondal primeiro e Ramón e Cajal despois. Foi e é investigador principal de proxectos nacionais e mantén colaboracións internacionais. É membro da xunta directiva da Sociedade Española de Proteómica.

1. Quen é para tí o científico máis importante do século XX? Por que?

Albert Einstein. Polas súas innumerables contribucións que revolucionaron o mundo da Física, non só a teoría da relatividade senón tamén a explicación do efecto fotoeléctrico e outros. Tamén destacaría a Alexander Fleming polo descubrimento da penicilina, que aínda que casual demostra como unha observación e interpretación axeitadas son claves para ser un gran científico. Sen dúbida Watson e Crick, co descubrimento da estrutura do ADN, clave para a grande evolución da investigación biomédica das últimas décadas, merecen por suposto un lugar destacado.

2. Un descubrimento que cambiou o mundo Por que?

Sen dúbida, a secuenciación do xenoma humano. Este fito, culminado ao comezo deste século, supón un antes e un despois na investigación biomédica, contribuíndo de forma decisiva ao avance da genómica e a proteómica que complementadas por outras biotecnoloxías mellorarán as posibilidades de predicir e tratar de forma máis axeitada numerosas patoloxías.

3. Por que decidiches ser investigador?

Foi algo totalmente vocacional. Comecei a miña tese a mediados dos 90, cando tamén había crise económica e poucos medios. Tiven a sorte de levala a cabo nun departamento punteiro da USC, como é o de Fisioloxía da Facultade de Medicina. Sempre me entusiasmou a investigación biomédica e intento aplicar os meus coñecementos á miña práctica docente; penso que é algo imprescindible.

4. Cal é a túa liña de investigación máis relevante? Que resultados esperades obter e que impacto poden ter na sociedade?

Sen dúbida a proteómica clínica aplicada á investigación cardiovascular e máis en concreto a estudar os mecanismos de activación das plaquetas sanguíneas en pacientes con infarto agudo de miocardio. O obxectivo é conseguir identificar biomarcadores que permita un mellor diagnóstico e tratamento desta patoloxía tan grave e prevalente na nosa sociedade. Estes estudos lévanse a cabo en colaboración co Servizo de Cardioloxía do Hospital Clínico Universitario de Santiago.

5. En que aspecto crees que o ámbito Campus Vida favorece a túa investigación?

O Campus Vida supuxo unha mellora do ámbito para levar a cabo a miña investigación, non só a nivel de infraestruturas senón tamén en canto ás posibilidades de interacción e colaboración científica con outros investigadores. Nese sentido, a miña incorporación ao CIMUSe tamén ao IDIS puxéronme nunha posición inmellorable para ser máis competitivo e conseguir bos resultados nun contexto económico tan grave como o que estamos a vivir. Confío en que os bruscos recortes en I+D+i que se está a levar a cabo, tan comprometedores para o futuro dun país, non poñan en perigo a miña traxectoria investigadora; dende logo, penso loitar ao máximo polos meus obxectivos coa mesma ilusión coa que o fixen sempre.

Email: angel.garcia@usc.es

Páxina web: http://www.usc.es/biofarma/WebAngel/index.htm

Facebooktwittergoogle_pluslinkedinmail

Comments are closed.