No laboratorio con… Dora Blanco Heras, profesora na USC e investigadora do CITIUS

No laboratorio con… é un espazo onde semanalmente vos presentaremos, a través de 5 preguntas, o talento e a excelencia dos investigadores de Campus Vida.

Hoxe presentámosvos a Dora Blanco Heras, profesora na USC e investigadora do CITIUS.

Nombre e apelidos: Dora Blanco Heras

Posto / Grupo de investigación: Profesora Titular da Universidade / Grupo de Arquitectura de Computadores

Institución: CITIUS

 

 

A investigación de Dora céntrase fundamentalmente na área de computación de altas prestacións incluíndo técnicas de optimización de software, análise de rendemento de códigos irregulares e, máis recentemente, computación de propósito xeral en GPU. Nesta última área centrouse en procesamento de imaxe en tempo real (detección e clasificación de obxectivos, detección de bordos, visualización…) aplicada á imaxe médica (IRM, CT-escáner..) e a imaxes obtidas mediante sensores como no caso das imaxes hiperespectrais. Os seus intereses abranguen tamén o deseño de interface home-máquina con enfoque social dirixidas cara ao cálculo de pegada ecolóxica e outros indicadores relacionados coa sostibilidade. Participou como investigadora en 26 proxectos de investigación (nacionais e internacionais) e contratos financiados tanto por entidades públicas coma por empresas de computación de alta relevancia a nivel internacional como HP ou Fujitsu. Participou en 6 redes de investigación. O seu traballo deu lugar a 66 traballos de investigación publicados en congresos e revistas de prestixio internacional.

1. Quen é para ti o científico máis importante do século XX? Por que?

Podería ser calquera das mulleres científicas que conseguiron logros con influencia decisiva no futuro a pesar de estar inmersas nun mundo científico eminentemente masculino. Representan dous logros simultáneamente: a superación científica e a de barreiras sociais.

A pesar de non ser a máis coñecida creo que Ada Augusta Byron(1815-1852) merece un recoñecemento especial, xa que foi a primeira persoa que levou a computación máis alá das operacións numéricas, e foi dalgún modo a primeira programadora. Unha linguaxe de programación creada nos anos 70 foi bautizada como Ada na súa honra. Podemos considerar que marcou un punto de partida para a multitude de linguaxes de programación que se desenvolveron posteriormente, e que nos permiten obter o máximo rendemento dos supercomputadores, os Pcs, os dispositivos móbiles.

2. Un descubrimento que cambiou o mundo Por que?

Hai moitos descubrimentos de diferentes ámbitos que considero que cambiaron o mundo: as vacinas, os antibióticos, o teléfono ou máis recentemente os dispositivos móbiles,… Pero polo meu perfil profesional considero que o invento que cambiou decisivamente o mundo foi o ordenador. Comezou cambiando simplemente a forma de calcular operacións matemáticas cando en torno a 1800 Charles Babagge desenvolveu a primeira “máquina de calcular” e acabou transformando por completo toda a sociedade, facilitando o avance da investigación en todos os campos e, sobre todo, facilitando o acceso á información a nivel global e, polo tanto, influíndo decisivamente nos cambios culturais máis recentes. É sen dúbida un invento que a día de hoxe inflúe en absolutamente todo o mundo dun modo ou doutro.

3. Porqué decidiches ser investigador?

Realmente nunca tiven que tomar esa decisión xa que non son unicamente investigadora, son docente e investigadora e as dúas tarefas conviven en todas as miñas xornadas laborais. Ambas as dúas facetas profesionais teñen que ver coa miña curiosidade polo mundo e coa diversión que supón para o meu descubrir como funcionan as cousas e tratar de velas dende diferentes perspectivas. Resúltame ademais moi estimulante focalizar a miña atención na resolución de problemas. Unha compoñente moi satisfactoria do meu traballo é a que ten que ver con construír ideas en colaboración con outras persoas.

4. Cal é a túa liña de investigación máis relevante? Que resultados esperades obter e que impacto poden ter na sociedade?

A miña liña de investigación máis relevante na actualidade ten que ver co procesado de imaxe multidimensional sobre computadores de altas prestacións.

Trátase de imaxes médicas, imaxes de terreos obtidas dende satélite, imaxes mariñas… Un exemplo de procesamento sería, por exemplo, detectar un obxectivo nunha imaxe obtida mediante un sensor hiper-espectral dende un avión a centos de metros do chan.

En particular estamos a desenvolver técnicas de procesamento, algunhas delas baseadas en intelixencia computacional como son as redes neuronais, que sexan eficientes para a súa execución en arquitecturas de altas prestacións. Neste caso con arquitecturas de altas prestacións referímonos a GPUs (tarxetas gráficas), sistemas multicore e manycore e tamén a clusters heteroxéneos. O obxectivo é o procesamento en tempo de real das imaxes, isto é, que se realice sobre elas a computación o suficientemente rápido como para que un especialista que necesite analizar a imaxe non aprecie que se producen esperas entre querer procesar unha imaxe e a seguinte.

5. En que aspecto crees que o ámbito Campus Vida favorece a túa investigación?

O proxecto Campus Vida dá unha visibilidade e unha imaxe común á investigación que é interesante para todos os que traballamos aquí así como uns obxectivos globais comúns. Facilita ademais a relación entre grupos de investigación de áreas temáticas diferentes pero con claras relacións entre si. No caso do CiTIUS proporciónanos os investigadores un marco con recursos de persoal comúns moi eficientes asociados a xestión de recursos computacionais, apoio á investigación ou divulgación, que nos facilita o traballo cotián e o fai máis eficiente.

 Facebooktwitterlinkedinmail

Comments are closed.