No laboratorio con… Concepción González Bello, profesora titular da USC e investigadora do CIQUS.

No laboratorio con… é un espazo onde semanalmente vos presentaremos, a través de 5 preguntas, o talento e a excelencia dos investigadores de Campus Vida.

Hoxe presentámosvos ao  Concepción González Bello, pertencente á área cardiovascular do Hospital Clínico Universitario de Santiago de Compostela no CIMUS coordinado polo Dr. José Ramón González Juanatey. 

Nome e apelidos:  Concepción González Bello

Posto / Grupo de investigación:  Profesora Titular da Universidade

Institución: CIQUS (Universidade de Santiago de Compostela)

Concepción González-Bello doutorouse en Química pola USC en 1994. Realizou dúas estanzas predoutorais, unha na Universidade de Gante (Bélxica, 1991) baixo a dirección do Prof. M. Vandewalle e outra noScripps Research Institute (A Jolla, USA, 1992) co Prof. K. C. Nicolaou.

En 1996, tras unha estanza postdoutoral de case catro anos na Universidade de Cambridge (Reino Unido) baixo a dirección do Prof. C.Abell, incorporouse á USC como Profesora Asociada. Dende 2003, é Profesora Titular e en 2011 obtivo a habilitación nacional ao corpo de catedráticos. Na actualidade dirixe un grupo de investigación no CIQUSformado por 6 estudantes de doutorado e 2 postdoutorais (www.gonzalezbello.com).

É autora de máis de 50 publicacións, dirixiu oito teses doutorais e participou en máis de 30 proxectos de investigación. Dende o ano 2010 é membro do Consello Asesor Internacional da revista ChemMedChem, e tesoureira do Grupo de Química Bioloxía da Real Sociedade Española de Química dende o 2011.

1. Quen é para tí o científico máis importante do século XX? Por que?

Non creo que sexa bo falar dun CIENTÍFICO, porque a ciencia se fundamenta nas pequenas achegas de moitos, sexan grandes ou pequenas, que permiten avanzar no coñecemento. Algúns quizais poidan ser máis populares ou tiveron máis proxección porque quizais sexa o final dunha longa historia, pero sen dúbida, non foi un descubrimento sobre unha folla en branco.

Por iso non quero falar dun nome, pero se dun logro que baixo o meu punto de vista é moi importante, que é a rapidez que na actualidade se pode secuenciar o xenoma. Isto tivo unha repercusión moi importante non soamente en distintos ámbitos da ciencia (Medicina, Bioloxía, Química, etc.), senón tamén na sociedade.

2. Un descubrimento que cambiou o mundo Por que?

Probablemente, esta sería unha resposta esperable para quen centra as súas investigacións no campo das enfermidades infecciosas. Para o meu un dos logros científicos que cambiou o mundo foi o descubrimento da penicilina por Alexander Fleming en 1928, quen xunto cos profesoresErnst Boris Chain e Howard Walter Florey, que desenvolveron a súa síntese, recibiron o Premio Nobel en 1945.

Considérase que este achado iniciou a chamada “idade de ouro” da terapia antimicrobiana. O descubrimento e posterior comercialización nos anos 40 dos antibióticos, supuxo unha revolución no tratamento das infeccións bacterianas que ata a data eran intratables. Ademais, isto contribuíu en boa medida a incrementar a esperanza de vida.

Alguén se imaxina hoxe en día un mundo sen antibióticos?

3. Por que decidiches ser investigador?

Interesoume esta profesión porque a investigación é reto, intriga, superación, inspiración, coñecemento… unha combinación “máxica” que me “ilusiona”, algo que é fundamental todos os días.

É difícil, e seguro que non me vou facer millonaria con iso, pero paréceme unha profesión apaixonante.

4. Cal é a túa liña de investigación máis relevante? Que resultados esperades obter e que impacto poden ter na sociedade?

Estamos a traballar no desenvolvemento de novos antibióticos para o tratamento de enfermidades causadas por bacterias patóxenas relevantes. Este é o caso da tuberculose, causada por Mycobacterium tuberculose ou o cancro de estómago da que é responsable Helicobacterpylori.

Malia que hoxe en día dispoñemos dunha ampla variedade de antibióticos, moitos deles son pouco eficaces debido ao abuso e mal uso que durante moitos anos fixemos deles pensando que todo podíano curar. Isto levou a que en ocasións non se dispoña de antibióticos eficaces para infeccións que noutras circunstancias debesen curarse sen dificultade, en especial, no caso de enfermos hospitalizados ou cun débil sistema inmune.

De aí que existe un grande interese no descubrimento de terapias alternativas. No noso grupo de investigación desenvolvemos compostos capaces de eliminar as bacterias “matándoas de fame”.

Os ensaios no laboratorio son moi bos e queremos agora estudar a súa actividade en animais para a súa posible aplicación en humanos. Recentemente, iniciamos investigacións baseadas noutra idea, que é bloquear os mecanismos que utilizan as bacterias para ser resistentes aos antibióticos.

5. En que aspecto crees que o ámbito Campus Vida favorece a túa investigación?

A maior visibilidade que o Campus Vida outorga á USC, permitirá atraer máis alumnos á USC nos distintos ámbitos dos estudos universitarios (grao, máster e doutorado).

Sería importante que esta proxección da USC fose internacional para que alumnos doutros países pensasen en vir a estudar na USC. Teremos que seguir traballando nisto porque por agora é aínda un reto, sobre todo se se compara con universidades de renome internacional.Facebooktwittergoogle_pluslinkedinmail

Comments are closed.