Natalia Abel, investigadora do CiTIUS propón solucións ás limitacións dos sistemas de procesado de imaxe

A investigadora do CiTIUS, Natalia Abel Fernández García foi recoñecida coa máxima cualificación pola defensa da súa tese de doutoramento ‘Metodoloxía de partición e desprazamento: superando limitacións hardware en matrices de procesadores celulares para procesado de imaxe’.
Dirixido polos profesores adscritos ao CiTIUS Diego Cabello Ferrer e Víctor Manuel Brea, o traballo aborda o estudio das limitacións dos sistemas de «Matrices de Procesadores Celulares» e«Redes Non-lineais Celulares». Malia ofrecer un paralelismo masivo -moi útil para aplicacións que precisen un alto rendemento, como o procesado de imaxe en tempo real- estes sistemas presentan unha serie de limitacións derivadas do modelo de procesamento local (a escala píxel) no que se basean. Para superar estas barreiras Fernández García propón unha serie de solucións que foron avaliadas exitosamente sobre implementacións reais dalgunhas das operacións de procesamento local máis comúns.
As aplicacións prácticas destas achegas no eido do procesado da imaxe son múltiples, cubrindo necesidades como a detección de obxectos, a detección de movemento ou a recuperación de imaxes. A autora salienta que este tipo de técnicas poden resultar de moita utilidade, especialmente naquelas aplicacións que precisen dunha alta velocidade de resposta en tempo real.
Segundo a propia investigadora, “as técnicas poden ser moi útiles para as novas aplicacións de realidade aumentada, pero tamén para o procesamento de imaxe médica, ou mesmo para a identificación de persoas”.

Facebooktwitterlinkedinmail

Comments are closed.