María José Alonso, seleccionada como gañadora do Premio Maurice Marie Janot 2014

A profesora María José Alonso foi seleccionada por un comité científico internacional como gañadora do Premio Maurice Marie Janot 2014. O premio instaurouse en 1986, data na que a European Pharmaceutical Society APGI e a Paul Neumann Foundation for Scientific Research comezan a outorgalo. O galardón recoñece a un investigador/a internacional pola calidade, innovación e impacto pioneiro do seu traballo de investigación en ciencias farmacéuticas. Neste senso, o reitor compostelán destacou o valor deste novo recoñecemento á investigadora da USC que demostra o alcance do seu esforzo por buscar novos límites ao coñecemento e que “honra a toda a comunidade universitaria da USC”.

A docente da USC recibe o galardón no transcurso do 9th World Meeting on Pharmaceutics, Biopharmaceutics and Pharmaceutical Technology que se celebra este xoves 3 en Lisboa. Esta reunión conta con más de 1.400 participantes e está organizada por APV (International Association for Pharmaceutical Technology de Alemaña), APGI (Association de Pharmacie Galénique Industrielle de Francia) e ADRITELF (Associazione Docenti Ricercatori Italiani di Tecnologie e Legislazione Farmaceutiche de Italia). Ademais, a docente da USC será a encargada de impartir a sesión plenaria que dedicará a falar sobre os próximos retos que se presentan no ámbito da liberación de fármacos.Anteriormente tamén foron merecedores do premio Stanley S. Davis (1986, Universidade de Nottingham, Reino Unido); Joseph R. Robinson (1989, Universidade de Wisconsin, EEUU); H. Sezaki (1992, Universidade de Tokyo, Japón); Daan J. A. Crommelin (1995, Universidade de Utrecht, Holanda); Francis Puisieux (1998, Universidade de Paris-Sud, Francia); Hans E. Junginger (2000, Leiden University, Holanda); Thomas Kissel (2002, Universidade de Marburg, Alemaña); Paolo Colombo (2004, Universidade de Parma, Italia); Alexander Florence (2006, Universidade de Londres, Reino Unido); Patrick Couvreur (2008, Universidade de Paris-Sud); Nicholas Peppas (2010 Austin University,Texas, EEUU); e Robert Gurny (2012, Universidade de Xenebra, Suíza).

 Facebooktwitterlinkedinmail

Comments are closed.