Investigadores de Campus Vida coordinan un proxecto europeo acerca dos priones e as enfermidades que provocan.

Xesús R. Requena, investigador asociado ao Centro de Investigación en Medicina Molecular e Enfermidades Crónicas (CIMUS), coordina o proxecto financiado polo 7º Programa Marco da Unión Europea “Understanding prions and protecting citizens from Europe and elsewhere from them” (entendendo os priones e protexendo os cidadáns da Unión Europea e do mundo deles).

A raíz da gran crise alimentaria e sanitaria orixinada pola aparición da Encelopatía Espongiforme Bovina (BSE), e malia que a enfermidade está actualmente baixo control, a Unión Europea decidiu fixar como prioridade no seu 7º programa marco a investigación sobre protección do home, animais e o seu ámbito contra os priones (proteínas patóxenas).

Este proxecto realiza unha abordaxe global aos priones e as enfermidades que provocan, contribuíndo ao entendemento que como os priones pasan aos alimentos, como son metabolizados no organismo humano e animal, como alcanzan o cerebro e como inician unha rápida reacción en cadea que pode chegar a provocar a morte. Deste modo, os resultados do proxecto, contribuirán a mellorar as estratexias de intervención pública así como os métodos de descontaminación e diagnóstico das enfermidades provocadas por priones.

O proxecto, que comezou en Xaneiro de 2010 e ten unha duración de 4 anos, inclúe a participación de máis de 20 organismos
de primeira liña, como o Instituto Pasteur (Francia), o Instituto Karolinska (Suecia) ou as Universidades de Edinburgo ou Xerusalén; todos eles, baixo a coordinación de Jesús Requena, do CIMUS (Campus Vida).

Pode encontrar máis información sobre o proxecto pulsando AQUÍ.

 Facebooktwitterlinkedinmail

Comments are closed.