II Xornadas de Demostración tecnolóxica «Inside the Lab»

«Inside the Lab», a xornada de demostración coa que o CiTIUS presenta anualmente os seus resultados científicos perante a Industria e a Administración, regresa ao centro para servir de altofalante ás súas tecnoloxías máis punteiras, algunhas das cales destacan como as mellores do mundo na actualidade.

O CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información da Universidade de Santiago de Compostela) acolle o vindeiro venres 8 de xullo a II Edición da Xornada de Demostración Tecnolóxica Inside the Lab, un evento destinado a presentar algunhas das solucións de alta calidade desenvolvidas no centro, co gallo de poñer en valor as súas distintas aplicacións en múltiples ámbitos da actividade industrial.

Ao longo da mañá (10:00 – 14:00), os visitantes poderán acceder libremente a cualquera dos 18 puntos informativos repartidos por todo o edificio, onde os propios investigadores se encargarán de presentar as vantaxes dos seus sistemas, froito da transformación de resultados de investigación en tecnoloxías innovadoras.

Entre os demostradores dispoñibles inclúense sistemas para o autocoidado e mellora da adherencia á medicación, a monitorización do tráfico mediante visión por computador ou ferramentas para a predición dos gustos do consumidor, así como tecnoloxías para a localización e reconstrución de escenas 3D e a análise do territorio mediante imaxes hiperespectrais. Unha ampla gama de resultados con aplicación en múltiples ámbitos, escollidos minuciosamente co propósito de cubrir distintas necesidades do sector empresarial.

O encontro contará, ademais, coa presenza de dúas das spin-offs creadas por investigadores do CiTIUS: Situm, que centra a súa actividade no desenvolvemento de tecnoloxías de xeoposicionamento en interiores e Imagames, empresa orientada ao desenvolvemento de solucións de gamificación en diversas contornas, como a formación de empregados e estudantes ou o marketing dixital.

A participación nesta xornada é gratuita e require inscrición previa a través da web do evento, ata o xoves 7 de xullo.

Facebooktwitterlinkedinmail

Here's your chance to leave a comment!