Identifican un xen chave para o uso seguro de células nai con fins terapéuticos

Un estudio desenvolvido por un investigador do CiMUS mostra novas vías para regular os distintos estados deste tipo de células, contribuíndo así á optimización de métodos que permitan o seu uso seguro no ámbito clínico.

As células nai pluripotentes son un tipo celular único, xa que dan lugar a todos e cada un dos distintos tipos celulares que conforman un organismo adulto. Trátase dun grupo de células moi concreto que conta coa capacidade de propagarse de forma ilimitada, o que as converte nunha fonte de material inesgotable en multitude de aplicacións –desde os aspectos máis básicos ata o seu posible uso con fins terapéuticos-.

Con todo, e malia o seu enorme potencial en biomedicina, os científicos foron ata agora moi cautos ante a posibilidade de empregalas no ámbito clínico, debido principalmente ao risco que entraña o seu uso ante a posibilidade de desenvolver tumores. Unha cautela que, non obstante, ten avivado a curiosidade entre a comunidade científica nos últimos anos, sendo numerosas as liñas de investigación abertas para profundizar no coñecemento destas células tan singulares.

O esforzo colectivo permitiu aos investigadores avanzar significativamente no coñecemento dos mecanismos moleculares que gobernan a pluripotencia; así, describiuse que cando este tipo de células son cultivadas en modelos animais baseados en roedores, existen dous estados pluripotenciais: un máis primixenio ou ‘plástico’ (coñecido como estado pluripotente naive), e outro destinado a proporcionar unha orixe celular concreta (estado pluripotente primed).

Lamentablemente, o proceso de obtención de células humanas ex vivo (é dicir, á marxe dun organismo vivo) con características similares ás naive atopadas en ratos non se puido culminar con éxito polo de agora, a pesar dos enormes esforzos dedicados pola comunidade científica nos últimos anos.

Agora, un traballo publicado na revista Cell Stem Cell polo investigador Miguel Fidalgo, responsable no CiMUS do Grupo Stem Cells & Human Diseases (Células Nai & Enfermidade en Humanos), desenmascarou a existencia dun patrón de expresión único –unha sorte de pegada dixital, conservada ao longo da evolución en especies como o rato e a raza humana- que permitiu atopar novos factores á hora de decidir se unha célula nai é máis ‘plástica’ –xerminal- ou se, pola contra, está determinada a participar nun estadio máis avanzado do crecemento. O estudio demostra por primeira vez cómo un novo factor (denominado Zfp281) desempeña un rol esencial no control químico do material xenético sen alterar a súa secuencia, resultando decisivo no momento no que unha célula nai decide dar o paso dun estado naive a outro primed. A proteína localizada revelouse, así, capaz de regular sutilmente no ADN a función oposta de dous enzimas clave (coñecidas como Tet1 e Tet2), que presentan importantes funcións coñecidas na transformación tumoroxénica cando se atopan desreguladas.

Os resultados deste traballo abren a porta ao desenvolvemento de novas estratexias na procura do ansiado estado pluripotencial naive en células nai humanas, o que suporía, entre outras cousas, unha enorme vantaxe á hora de corrixir danos no xenoma ou facilitar a modelización dunha determinada enfermidade na busca dunha cura.

Segundo afirma Fidalgo, primeiro autor do traballo, «ese sería o noso Santo Grial, o gran paso que nos permitiría avanzar cara o obxectivo último». Para o investigador Ramón y Cajal do CiMUS, «o máis importante é lograr que estas células sexan seguras, para facer posible a súa utilización na clínica e poder ao fin desenvolver o enorme potencial terapéutico que albergan», sentencia.

Facebooktwitterlinkedinmail

Here's your chance to leave a comment!