Identifican no CiTIUS tódolos patróns da actividade eléctrica cardíaca en tempo real

Investigadores do programa de E-Saúde do CiTIUS presentan unha solución para realizar automaticamente o agrupamento morfolóxico de latexos en tempo real. Publicado no «IEEE Journal of Biomedical and Health Informatics», o traballo mellora substancialmente as técnicas desenvolvidas ata hoxe, abrindo a porta á utilización de tecnoloxías ‘wearable’ que axuden a previr riscos cardiovasculares.

Os investigadores lograron detectar automaticamente as desviacións que recolle a monitorización do electrocardiograma, clave no tratamento de enfermidades cardiovasculares. / Andrés Ruiz

Os investigadores lograron detectar automaticamente tódalas desviacións que recolle a monitorización do electrocardiograma. / Andrés Ruiz

As enfermidades cardiovasculares (ECV) provocan preto de 2 millóns de mortes ao ano en Europa, unha abafadora cifra que fai a estas patoloxías responsables directas do 40% das mortes na Unión Europea (UE). Recentemente, a consultora AstraZeneca publicaba un estudo no que se afirmaba que só durante o pasado ano (2014) o custo destas enfermidades nos seis países europeos con maior densidade de poboación ascendeu a 102.100 millóns de euros. Un informe que recolle asemade previsións pouco prometedoras, dando por feito que os custos derivados das enfermidades cardiovasculares terán subido un 20% en torno ao ano 2020.

Os riscos dunha enfermidade crónica

A tendencia á cronificación das enfermidades cardiovasculares non axuda a reducir a complexidade do seu tratamento. Entre as principais dificultades que carrexa a súa xestión, a cuestión esencial dunha axeitada monitorización no fogar do paciente destaca sobre ningunha outra, xa que moitos trastornos cardiovasculares acaban por transformarse en enfermidades crónicas, que esixen unha constante monitorización. Lamentablemente, os sistemas de saúde non dispoñen na actualidade dos medios necesarios para realizar un óptimo seguimento dos pacientes, o que en moitas ocasións provoca un drástico empeoramento da saúde dos enfermos, poñendo en risco a súa vida e ocasionando elevados sobrecostes ao sistema sanitario.

Un dos elementos clave para o axeitado diagnóstico e seguimento das enfermidades cardiovasculares é a monitorización do Electrocardiograma (ECG); unha ferramenta moi coñecida, e profusamente utilizada polos cardiólogos en todos os centros hospitalarios. A dificultade xorde cando esta proba, tan habitual na práctica clínica diaria, debe facerse a distancia e sen supervisión médica, xa que para o correcto funcionamento do sistema é imprescindible o desenvolvemento de minuciosas técnicas que permitan unha correcta detección de posibles alteracións na actividade eléctrica do corazón, de maneira que a monitorización do ECG actúe como sistema de alerta ante calquera cambio que poida supoñer un risco para o paciente.

O efecto dominó

Unha identificación temperá de posibles alteracións podería salvar a vida do paciente. / Ivana Divisová

A propagación dos latexos no interior do corazón depende dun impulso eléctrico que percorre de forma ordenada os camiños vasculares do tecido cardíaco, a través dun itinerario específico que non debería sufrir ningún tipo de desviación, sempre que as condicións cardíacas do enfermo sexan óptimas e estables. Porén, ao igual que sucede no xogo do «efecto dominó» -no que unha ficha xirada dá lugar a un cambio radical na dirección da corrente-, calquera alteración no normal funcionamento do corazón pode provocar un cambio significativo na dirección na que se propaga o latexo, o que supón unha potencial ameaza para a saúde do enfermo crónico.

Para detectar estas posibles desviacións -que tamén recolle o ECG-, os investigadores do CiTIUS lograron deseñar un sistema que detecta todos os patróns de actividade eléctrica mentres esta ten lugar, funcionando como un sistema de alerta que prevén o cardiólogo do risco que poida estar a correr un paciente en tempo real.

Identificando latexos

Realizar unha detección fiable de posibles variacións nos latexos, de xeito totalmente automático, é o obxectivo que perseguen investigadores especializados de todo o mundo; para alcanzalo, dúas bases de datos serven de referencia á comunidade: o MIT-BIH Arrhytmia Database e a AHA ECG Database; dous repositorios estándar usados por universidades, centros de investigación e mesmo compañías privadas a diario, non só para avaliar de xeito fidedigno a precisión dos seus traballos, senón tamén para validalos cientificamente.

Combinando técnicas de procesamento de sinal (baseadas nun algoritmo utilizado para medir a similitude entre dúas secuencias temporais (coñecido como DTW ou «Dynamic Time Warping»), con estratexias de agrupamento empregadas no ámbito da intelixencia artificial, o traballo presentado polos investigadores do CiTIUS non só describe unha solución que é quen de separar as diferentes variantes de latexo con gran precisión (98,56% no MIT-BIH e 99,56% na AHA) senón que, por primeira vez, faino en tempo real; un avance de extraordinaria relevancia, xa que constitúe o fundamento científico dunha posible implementación desta tecnoloxía sobre dispositivos ‘wearable’, como camisetas intelixentes, reloxos, pulseiras… ou calquera outro complemento asociado ao paciente que poida proporcionar información sobre o seu estado de saúde as 24 horas do día.

Os responsables da investigación, creadores tamén da plataforma de monitorización domiciliaria Servando, esperan integrar proximamente a nova funcionalidade neste sistema, abrindo así a porta a unha utilización sinxela por parte dos pacientes afectados por patoloxías de orixe cardiovascular.

Facebooktwitterlinkedinmail

Here's your chance to leave a comment!