Hoxe entrevistamos a… Jacobo Cruces (Co-Fundador e CSO de GalChimia)

“Campus Vida permitirá fomentar a colaboración público-privada, aproveitando coñecementos e sinerxías, nun ámbito de excelencia”

GalChimia é unha spin-off da Universidade de Santiago de Compostela creada no ano 2001 e dedicada á análise e preparación de produtos químicos e á realización de tarefas de asesoramento científico, consultoría técnica e apoio á investigación básica e tecnolóxica no campo da química. Con este obxectivo, GalChimia presta servizos de desenvolvemento de procesos, síntese á medida de produtos químicos e investigación baixo contrato.

Actualmente, GalChimia conta con máis de 80 clientes, entre os que se encontran compañías como Almirall, Palau Pharma ou Esteve. O equipo da empresa está formado por 24 empregados, dos cales 9 son doutores, 11 son licenciados e 4 son técnicos.

Hoxe entrevistamos a Jacobo Cruces, Doutor en Química Orgánica pola USC, Co-Fundador e CSO de GalChimia.

Jacobo, ¿como xorde a idea de constituír GalChimia?

A idea xorde, fai xa 12 anos, dun dos socios fundadores de GalChimia, o profesor Gabriel Tojo, que a través dos seus contactos na industria convence o resto dos promotores Carme Pampín e Jacobo Cruces, que naqueles momentos remataban a súa tese, e o profesor Ramón Estévez, de que o expertise en preparación de produtos químicos era un activo valioso buscado polo mercado e que unha compañía con ese enfoque de negocio tiña posibilidades.

¿Tivechedes o apoio da USC dende o inicio do proxecto?

Dende logo. Naquel momento a USC acababa de crear os instrumentos de emprendimiento necesarios para levar a cabo un proxecto así. O persoal de UNINOVA serviunos para refinar a idea inicial e comprender os requisitos mínimos dun plan de negocio, así como para convencer de que era precisa unha experiencia piloto que podía levarse a cabo no seo do Dpto. de Química Orgánica. Con vistas ao financiamento, puxéronnos en contacto con UNIRISCO, unha sociedade de capital risco recén creada que rematou formando parte do conxunto de accionistas de GalChimia. No prazo de dous anos pasaramos da idea inicial á creación da empresa.

Dende entón, pasaron xa 10 anos e GalChimia converteuse nunha referencia do sector ¿Cales son as expectativas e retos futuros da compañía?

A nosa grande expectativa e reto é dar o salto internacional. En España traballamos literalmente con todo o mundo, dende as grandes farmaceúticas nacionais a varias biotecs, e de feito dúas destas biotecs están agora a levar produtos a Fase I usando química que nós puxemos a punto. Pero o sector internacional aínda se nos resiste, quizais porque os provedores de referencia neste negocio son empresas de Gran Bretaña, Alemaña e Suíza, e a competencia do sueste de Asia (India e China) entrou con moita forza usando o prezo como panca.

¿Cal é a relación actual cos grupos de investigación dos que xorde a compañía?

Levamos a cabo varios proxectos conxuntos e seguimos mantendo unha colaboración cos grupos de orixe.

¿Cal cres que será o efecto da Certificación de Excelencia Internacional, Campus Vida, sobre a dinamización de tecido empresarial innovador?

En GalChimia participamos dende o momento inicial na agrupación estratéxica que Campus Vida representa xa que consideramos que constitúe unha iniciativa fundamental que permitirá fomentar a colaboración público-privada, aproveitando coñecementos e sinerxías, nun ámbito de excelencia.

¿Cal sería o teu consello a aqueles investigadores que posúan unha idea innovadora e queiran constituír unha compañía sobre a base dela?

O meu consello é que se alguén ten unha idea, o primeiro que debe facer é confrontala co mercado. É doado namorarse dunha idea propia, pero o mercado ten a última palabra. Se a idea ten visos de funcionar comercialmente, é preciso facer un plan de negocio realista: que se vai vender, a quen, como, que problemas poden aparecer e que custos hai. Por último, é preciso vender a idea, tanto a promotores e financiadores coma ao mercado, e vendela dende o momento cero. As ideas non se venden soas e hai que loitar por elas.

 Facebooktwitterlinkedinmail

Comments are closed.