Finalizou con grande éxito o XIII Workshop de Agentes Físicos organizado polo CITIUS

O workshop celebrouse o 3 e 4 de setembro onde se reuniron máis de trinta investigadores expertos neste área, ademais de acoller tres conferencias e sete demostracións.

As tres conferencias correron a cargo de Yiannis Demiris, Jan Peter e das entidades Aisoy Robotics e Albatros Marine Technologies.

O profesor do Imperial College de Londres, desenvolveu a súa conferencia entorno a un dos principais eixes do congreso; a promoción do desenvolvemento da robótica ao servizo do cidadán. A súa conferencia, “Asistencia bidireccional na interacción entre humanos e robots” fixo fincapé na adaptación mutua entre robots e humanos cada vez máis presente nos ámbitos industrial e sanitario así como no propio fogar.

A segunda das conferencias titulada “cara á aprendizaxe motora en robótica”, impartida polo profesor Jan Peter, abordou a interacción entre persoas e robots. O prof. da Universidade Técnica de Darmstadt, destacou as novas estratexias que permitirán crear robots con habilidade para aprender a través das súas propias experiencias.

Aisoy Robotics e Albatros Marine Technologies, entidades colaboradoras do workshop desenvolveron a última das conferencias baixo o título “Robots no escaparate: presente e porvir” onde se reflexiono sobre a visibilidade da investigación e a transferencia tecnolóxica cara ao sector empresarial.

En canto ás demostracións, realizáronse sete a cargo das catro universidades participantes no congreso. A Universidade de Santiago de Compostela participou con dous: un robot capaz de realizar seguimento a persoas mesmo en circunstancias difíciles e un humanoide que continúa a traxectoria dunha parede nun ámbito acoutado.

Ademais, realizaron demostracións dunha cabeza mecatrónica con alta capacidade xestual e sistemas automatizados para o recoñecemento do estado de ánimo das persoas; un robot construído sobre unha aspiradora Roomba creado para a asistencia sanitaria a persoas maiores; un humanoide para axudar a persoas con Alzheimer; un microrrobot de seguimento de liñas en labirintos complexos; e un haptic device que opera como un simulador de xogos o máis real posible.Facebooktwitterlinkedinmail

Comments are closed.