Dúas spin-off de Campus Vida no Barcelona Mobile World Congress 2016

Situm Technologies e MD.Use Innovative Solutions, fundadas por investigadores da Rede de Centros Singulares da USC, exhibiron o seu potencial nun dos maiores escaparates de tecnoloxía a nivel internacional.

Santiago de Compostela, 29 de febreiro de 2016. Investigadores de Campus Vida, o Campus de Excelencia Internacional (CEI) da Universidade de Santiago de Compostela (USC), representaron a pasada semana no Mobile World Congress 2016 de Barcelona á Rede de Centros Singulares de Investigación deste ecosistema científico a través das súas respectivas empresas, Situm Technologies e MD.Use Innovative Solutions.

Nacidas ao abeiro do CiTIUS (Situm) e o CiQUS (MD.Use), ámbalas dúas startups foron fundadas por investigadores egresados destes centros, converténdose pouco despois en spin-offs oficiais da USC. Trátase de empresas de alto valor engadido, cuxos máximos responsables alcanzaron o grao de Doutor en áreas como a Química ou as Tecnoloxías da Información.

Ubicación precisa sen necesidade de GPS

mwc1

Coa nova versión da súa plataforma de localización en interiores baixo o brazo, os representantes de Situm acudiron ao Mobile World Congress (MWC) de Barcelona, que abriu as súas portas o pasado día 22; alí, os asistentes comprobaron de primeira man as melloras desta versión definitiva, tanto en rendemento, como en precisión, funcionalidade e experiencia de usuario. Como resultado de máis de 8 anos de investigación avanzada, Situm atópase, na actualidade, en condicións de ofrecer aos seus clientes unha solución que non só proporciona a máxima precisión coa mínima infraestrutura, senón tamén unha ferramenta de mapeo de interiores máis rápida, con detección automática de planta en edificios de varios pisos e control de calibración de calidade. O seu sistema consegue, ademais, reducir drásticamente a marxe de erro e o custe con respecto a outras tecnoloxías de posicionamento en interiores.

«Situm Maps 2.0 representa actualmente a tecnoloxía máis disruptiva en localización en interiores sen hardware». Para Víctor Álvarez, CEO da empresa, as posibilidades que ofrece esta tecnoloxía son innumerables: «Onde queira que esteas, independentemente do dispositivo intelixente que empregues, as empresas de tódolos sectores poderán crear incontables aplicacións para o teu posicionamento e navegación: sanidade, infraestrutura, transporte, comercio, seguridade, turismo… etc».

Predicindo reaccións a nivel molecular

mwc2

Fundada en 2015 por un equipo liderado pola investigadora do CiQUS Rebeca García Fandiño e o físico da USC Ángel Piñeiro, MD.Use xorde co obxectivo de achegar ferramentas computacionais a usuarios non especializados, nun intento por reduci-la brecha entre o mundo experimental e o da computación.

Os equipos coordinados por estes científicos emprendedores levan máis de 25 anos a desenvolver software e ofrecendo servizos externos de simulación computacional de moléculas simples e sistemas moleculares. Estas simulacións proporcionan unha gran cantidade de información a nivel atómico, que resulta de grande utilidade como complemento aos custosos experimentos desenvolvidos no laboratorio.

A empresa comercializa estudos computacionais de sistemas moleculares específicos e personalizables para optimiza-los procesos industriais, co obxectivo de facilita-lo deseño de novos materiais ou dispositivos baseados en técnicas a nivel molecular.

Facebooktwitterlinkedinmail

Here's your chance to leave a comment!