Demostran a eficacia dun novo método de produción de vacinas desenvolvido no CiQUS, que evita o uso de virus inactivados

As mellores vacinas na actualidade están baseadas en «virus inactivados», é dicir, virus reais tratados de xeito químico ou físico para eliminar a súa capacidade infectiva. A súa obtención mediante este procedemento implica, así, unha serie de perigos biolóxicos, que esixen importantes medidas de seguridade. Para minimizalos, a comunidade científica está a tratar de substituír este tipo de vacinas por outras de menor risco coñecidas como «vacinas subunitarias», nas cales unicamente están presentes algunhas das proteínas que compoñen o virus, concretamente, as que serven para «imitar» as partes do virus que desencadean a reacción do sistema inmunolóxico. Deste xeito non sería preciso traballar con virus inactivados nin, moi especialmente, cultivar o virus vivo, o cal é de grande importancia nos virus máis perigosos.

O principal problema que presentan as vacinas subunitarias é que, polo xeral, son menos inmunoxénicas, o que significa que achegan un menor grao de protección. Adóitase compensar isto engadindo outros compostos -os adxuvantes-, que reforzan a resposta inmunitaria pero poden provocar efectos adversos. Como alternativa proponse incluír os antíxenos (as proteínas que activan a resposta inmune) directamente en material particulado, ou o que é o mesmo: as proteínas integradas nunha micropartícula.

Eficacia probada

Os resultados obtidos nesta investigación, baixo a dirección do profesor José M. Martínez-Costas (CiQUS) e o Dr. Javier Ortego (CISA), demostraron a eficacia dunha vacina subunitaria de escasa toxicidade baseada no uso de biomateriales particulado, cuxa produción é económica e segura. Como consecuencia deste traballo, publicado na prestixiosa revista Antiviral Research, obtívose unha vacina particulada contra o virus da lingua azul, que causa perdas considerables no gando ovino.

A partir da tecnoloxía que desenvolveron e patentaron, os investigadores do CiQUS expresaron no interior de células de insecto as microesferas que incorporan algunhas proteínas do virus -os antíxenos-, e que son purificables de xeito moi sinxelo nun paso posterior, obtendo deste modo a vacina. A súa eficacia comprobouse inmunizando ratos con só tres proteínas do virus da lingua azul, incorporadas nas devanditas microesferas. A vacina protexeunos totalmente ante a infección co mesmo serotipo de virus, e parcialmente fronte a outro serotipo, xerando unha resposta inmune protectora (o que se coñece como inmunización efectiva) sen necesidade de engadir adxuvantes, mentres que tódolos ratos que foran vacinados unicamente coas proteínas do virus non lograron sobrevivir.

A principal vantaxe desta tecnoloxía de produción de vacinas é o seu custo, relativamente baixo fronte á doutros tipos de vacinas subunitarias, xa que reduciría a necesidade de custosas instalacións de bioseguridade para a produción de vacinas; as microesferas son extremadamente estables, a súa produción e purificación é barata, e son doadas de manexar e almacenar. A tecnoloxía desenvolvida podería aplicarse, así, na procura de vacinas contra virus que causan graves enfermidades en humanos, cuxa perigosidade non só dificulta a investigación, senón que desaconsella tamén o uso de vacinas inactivadas.Facebooktwitterlinkedinmail

Comments are closed.