Crean a molécula de aceno máis grande xamais sintetizada

Unha colaboración internacional entre investigadores do CiQUS e a Universidade Técnica de Dresde permitiu sintetizar o codiciado decaceno, unha nova molécula formada pola unión lineal de dez aneis de benceno.


Os acenos son moléculas constituídas pola fusión lineal de formas hexagonais baseadas en carbono, amplamente coñecidas como «aneis de benceno». Malia a súa simplicidade estrutural estas moléculas teñen atraído unha enorme atención, debido ás súas singulares propiedades electrónicas; o pentaceno, por exemplo –un membro desta familia con cinco aneis lineais-, está considerado como un dos semiconductores orgánicos máis importantes na produción de dispositivos fotoelectrónicos, mentres que acenos de maior tamaño presentan propiedades únicas que teñen fascinado aos científicos ao longo das últimas décadas.

Non obstante, os acenos máis longos son moléculas inestables, ás que non é posible acceder a través de fontes naturais. A alternativa obvia é tratar de obtelas mediante síntese química, pero esta aproximación convértese nun desafío maior conforme aumenta a lonxitude da molécula que se pretende deseñar. Non en balde, o nonaceno (nove aneis ensamblados de maneira lineal) era ata o de agora o aceno máis longo de cantos se sintetizaran ata 2010.

Nun novo traballo que sairá á luz proximamente na edición internacional da revista científica Angewandte Chemie, científicos do CiQUS e o Instituto de Ciencia de Materiales e Centro de Electrónica Avanzada da Universidade Técnica de Dresde – TUD conseguiron sintetizar o escurridizo decaceno, unha molécula formada pola unión lineal do dez aneis de benceno: o aceno de maior lonxitude xamais desenvolvido. Ao longo desta colaboración, dirixida polos profesores Diego Peña (CiQUS) e Francesca Moresco (TUD), o equipo de químicos do CiQUS preparou mediante química en disolución os precursores que posteriormente usarían os físicos do TUD para preparar a molécula final de decaceno sobre unha superficie de ouro e en condicións de ultra-baleiro, conseguindo estabilizar este composto extremadamente reactivo. Como resultado deste proceso os científicos puideron observar as moléculas individuáis de decaceno, obtendo a súa visualización a través da técnica de alta resolución Microscopía de Efecto Túnel (STM).

Imaxe dun decaceno obtida mediante Microscopía de Efecto Túnel (STM). / Wiley.

Unha fazaña da investigación cooperativa en Europa

Os resultados deste traballo demostran que as colaboracións entre químicos sintéticos e científicos especializados en superficies poden conducir á resolución de desafíos históricos no ámbito da química, como evidencia esta investigación. O estudo foi desenvolvido no marco do proxecto europeo PAMS, orientado á fabricación de dispositivos electrónicos a escala nanométrica (Planar Atomic and Molecular Scale devices), e os seus autores dedicárono á memoria do profesor Erich Clar, amplamente considerado un pioneiro no campo da química de acenos.

Facebooktwittergoogle_pluslinkedinmail

Here's your chance to leave a comment!