David Losada impartiu un seminario no IDIS, tratando acerca das tecnoloxías de busca e clasificación de datos no ámbito médico

O seminario impartido polo profesor da área de Ciencia da Computación e Intelixencia Artificial, David Losada, tratou das posibilidades que a informática ofrece para as tarefas de xestión, busca e clasificación de documentos e expedientes no hospital.

A recuperación da información e a aprendizaxe automática poden achegar solucións para crear un software que axude o persoal sanitario a procesar e localizar a información necesaria para a súa actividade, tanto no ámbito da investigación coma na actividade clínica diaria.

De todos é coñecido a cantidade de documentación que se xera nos hospitais e que é necesario xestionar de forma axeitada. Pero o volume de documentos xerado fai difícil a súa localización e acceso. Isto crea a necesidade de introducir novas e eficientes técnicas, en definitiva, posibilitar ferramentas rápidas e efectivas, aos profesionais sanitarios, que lles faciliten este labor.

David Losada Carril, investigador do prestixioso programa Ramón e Cajal, desenvolve o seu labor investigador no CITIUS, en concreto, no ámbito da recuperación da información en aspectos como a construción automática de resumos, detección de novidade, clasificación de textos e minaría de opinións. É membro activo da comunidade internacional de RI, participando regularmente en comités científicos de conferencias internacionais, liderando proxectos e contratos relacionados coas tecnoloxías de busca, e promovendo redes de investigación a nivel europeo. En 2011 foi recoñecido como “sénior member” por ACM. Un dos seus últimos proxectos é ATRIO-USC: Análise de textos e recuperación de información para minaría de opinións: recuperación de información e aprendizaxe automática.Facebooktwitterlinkedinmail

Comments are closed.