Caléndula obtén o ‘Premio ao Mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre 2016’

A aplicación deseñada no CiTIUS convértese no primeiro proxecto da Universidade de Santiago que recibe este galardón

Caléndula, o asistente Android para a xestión da medicación persoal desenvolvido no CiTIUS polo investigador predoutoral José Ángel Piñeiro Souto, vén de obter o Premio ao Mellor Proxecto Universitario con Licenza Libre promovido pola Axencia de Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) en colaboración coa  Oficina de Software libre do CIXUG, converténdose así no primeiro proxecto da USC que recibe este galardón.

O premio, que este ano celebra a súa novena edición, pretende mellorar e potenciar os mecanismos de formación e difusión do Software Libre na cidadanía galega, recoñecendo aqueles proxectos universitarios comprometidos coa promoción, emprego e difusión do Software Libre como ferramenta de achegamento ao mundo laboral.

Un asistente clínico no peto

Caléndula é unha ferramenta para a xestión persoal da medicación e a mellora da adherencia ós tratamentos, que proporciona a pacientes e coidadores os servizos necesarios para favorecer o cumprimento e a efectividade das pautas clínicas fixadas polo facultativo nas súas prescricións médicas. Entre estes servizos cómpre salientar o recordatorio periódico das doses, o axuste das rutinas persoais do paciente ou o control de fármacos, ademais de permitir a consulta e procura de prospectos de medicamentos, dun xeito moi sinxelo, a través da Axencia Española de Medicamentos e Produtos Sanitarios.

Potenciando o Software Libre en Galicia

Promovido por AMTEGA dentro das liñas de actuación do Plan de Acción en Materia de Software Libre 2016 para mellorar e potenciar os mecanismos de formación e difusión do Software Libre na cidadanía, este premio recoñece o labor dos universitarios galegos mediante a posta en valor do traballo que realizan en favor do uso e a difusión do Software Libre como ferramenta de achegamento ao mundo laboral, que favorece a apertura de novas posibilidades de emprego relacionado coas Tecnoloxías da Información e da Comunicación.

Facebooktwitterlinkedinmail

Here's your chance to leave a comment!