As bolsas da Fundación BBVA premian a excelencia investigadora do CiQUS

O investigador Ramón y Cajal do CiQUS Martín Fañanás acada unha das axudas que a Fundación BBVA concede a Investigadores e Creadores Culturais.

martin_fananas

Martín Fañanás é membro do grupo «Saá Rodríguez – Varela Carrete» no CiQUS.

A Fundación BBVA fixo público o fallo das II Ayudas a Investigadores y Creadores Culturales, que impulsarán a 63 talentos destacados en 11 áreas da ciencia e a cultura, e entre os que figura o investigador do CiQUS Martín Fañanás.

Dirixidas a persoas que se encontren nun estado intermedio da súa carreira e acrediten unha traxectoria altamente produtiva, estas axudas preséntanse como un apoio para que poidan seguir desenvolvendo o alto potencial das súas carreiras individuais. As 63 axudas concedidas recibirán unha media de 34.000 euros de asignación, cun presuposto global de dous millóns douscentos mil euros. Os beneficiarios contan cun prazo dun ano para desenvolver o seu proxecto, tendo ao seu dispor ampla flexibilidade para xestionar os recursos asignados.

Trátase da segunda edición dun novo programa orientado a apoiar directamente investigadores científicos e creadores culturais entre os 30 e os 50 anos, que conten xa con contribucións moi significativas nos seus respectivos campos e cun alto potencial de desenvolvemento, que aínda non acadaran a súa consolidación laboral ou que non teñan ao seu alcance axudas cun alto grao de flexibilidade para dar forma a proxectos persoais altamente innovadores.

O proceso de asignación foi altamente competitivo, xa que tan só se concederon 63 axudas entre os máis de 1.900 investigadores e creadores que concorreron á convocatoria, cuxa resolución se produciu en dúas fases: na primeira delas, once comisións integradas por destacados expertos en cada área avaliaron a traxectoria dos solicitantes e a orixinalidade do proxecto presentado, así como o valor que achegarían as axudas no posterior desenvolvemento profesional de cada científico, innovador ou creador cultural. Nun segundo paso, as propostas das once comisións de área foron examinadas por unha Comisión Xeral, integrada por polo menos un membro de cada unha das comisións de área e presidida polo director da Fundación BBVA.

Coa obtención desta axuda, Martín Fañanás engade un novo recoñecemento ao seu labor investigador, entre os que destaca o «Thieme Chemistry Award 2015», un premio concedido tan só a 66 investigadores en todo o mundo.

Facebooktwitterlinkedinmail

Here's your chance to leave a comment!